publicidade hoxe

A Xunta destaca o labor da Asociación Ourensá de Axuda ao Toxicómano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira , participou esta mañá nunha rolda de prensa na que a Asociación Ourensá de Axuda ao Toxicómano (ATOX) presentou a programación de actos organizada con motivo do Día Internacional da Loita contra a Droga, que se celebrará o vindeiro luns, día 26.

Marisol Díaz subliñou que dende hai anos, a Xunta de Galicia vén de colaborar con esta entidade ourensá que leva traballando 29 anos no campo das toxicomanías. Explicou que a colaboración é transversal dende distintos departamentos autonómicos “o que demostra o compromiso do Goberno galego coas políticas sociais e na loita contra esta lacra”.

Colaboración transversal

Así, a Consellería de Sanidade, a través do Servizo Galego de Saúde, mantén un convenio con ATOX para o desenvolvemento do programa de atención xurídico social, que supón unha subvención de mais de 24.000 euros, amais de subvencionarlle o desenvolvemento de programas de incorporación social en vivendas con pacientes estabilizados, como son os usuarios desta entidade.

Por outra banda, a Consellería de Política Social ao abeiro da convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social vén de concederlle todos os anos unha achega económica, que se complementa co que este departamento autonómico destina a apoiar o desenvolvemento dun programa que esta asociación desenvolve no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar de apoio á abstinencia, seguimento e inserción sociolaboral dos reclusos, amais doutro xenérico de reinserción. En total, as subvencións outorgadas desde Política Social no período 2015-2017 cífranse en máis de 120.000 euros.

O obxectivo dos actos organizados por ATOX é “sensibilizar á poboación en xeral da problemática da droga” a través dunha xornada festiva na que terá lugar unha manifestación cidadá de apoio a este colectivo amais de actividades deportivas.

No derradeiro estudo de consumo de drogas en ensinanzas secundarias, Estudes 2014-2015, elaborado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, reflíctese unha mellora considerable da situación dos consumos de drogas con respecto a edicións anteriores.

Drogas máis consumidas

Os resultados deste estudo apuntan un descenso de consumo de drogas de todas as clases, agás de cocaína que se mantén estabilizado. A idade media de inicio no consumo de drogas sitúase nos 14 anos, e o alcohol é a droga máis consumida, seguida polo tabaco e o cannabis. Cómpre destacar a alta porcentaxe de poboación que consume o alcohol en “atracón” (máis de 5 bebidas alcohólicas en menos de 2 horas) chegando ata case un 32%.

No acto, Díaz Mouteira estivo acompañada polas xefas territoriais das Consellerías de Sanidade e Política Social, María Villar e María José Fernández, respectivamente; ademais de responsables de ATOX e representantes municipais.

23 de xuño de 2017 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.