A Xunta destaca a súa aposta polo emprego inclusivo para favorecer a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Covadonga Toca na inauguración das xornadas

Covadonga Toca na inauguración das xornadas

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou hoxe en Santiago a aposta do Goberno galego polo emprego inclusivo para facilitar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables na inauguración das Xornadas galegas sobre empresas de inserción laboral organizadas pola Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga).

Toca destacou que entre os programas que ten a Xunta, a través da Axenda 20, para favorecer a integración laboral das persoas con máis dificultades para atopar un traballo atópase a orde de axudas destinada a apoiar ás empresas de inserción laboral, que recolle as principais demandas do sector, como é unha nova liña de axudas específica para a formación de persoas en proceso de inserción.

Esta iniciativa, segundo explicou Toca, va dirixida non só ás empresas de inserción laboral, senón tamén a entidades sen ánimo de lucro e fundacións, aínda que os destinatarios finais destas axudas son as persoas desempregadas en risco de exclusión.

A actuación forma parte do programa que a Xunta vén de activar para impulsar o emprego inclusivo, dotado con 7,6 millóns de euros, co que se prevé beneficiar a 900 persoas en risco de exclusión social.

Este programa inclúe tres liñas de axudas diferentes: ás axudas para as empresas de inserción laboral súmanse os apoios ás entidades locais para a contratación de perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) cun orzamento de 5,7 millóns de euros, que xa saíu publicada no DOG, e os incentivos a pequenas e medianas empresas (pemes) para a contratación de persoas en risco de exclusión social e outros colectivos desfavorecidos, con 1,5 millóns.

Toca resaltou, ademais, o labor que neste ámbito desenvolven en Galicia as empresas de inserción laboral que defenden os intereses das persoas en situación de risco de exclusión a través da inserción social e laboral.

Na procura deste obxectivo, a Xunta prima este ano a creación de postos de traballo dos que máis o necesitan cunha maior intensidade de axuda para os colectivos con máis dificultades para acceder ao emprego como son as persoas con discapacidade.

Así mesmo, indicou a necesidade de impulsar a formación para preparar ás persoas en risco de exclusión social cara aos novos perfís profesionais que está requirindo o mercado laboral.

Para rematar, Toca puxo en valor a importancia da colaboración entre as administracións e as entidades representantes dos colectivos en risco de exclusión para seguir loitando contra a discriminación laboral incrementando as súas oportunidades para o emprego e, polo tanto, favorecendo o acceso destas persoas ao mercado de traballo.

14 de xuño de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.