A Xunta celebra en Santiago unha xornada sobre as axudas a entidades para a inserción socio-laboral das persoas con discapacidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Xornada sobre as axudas á inserción

Xornada sobre as axudas á inserción

A Consellería de Política Social celebrou esta mañá unha reunión de traballo para dar conta da nova convocatoria de axudas destinada ás confederacións, federacións e entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade entre o 1 de abril de 2017 e o 30 de xuño de 2018 e cuxa orde se publicaba hoxe no Diario Oficial de Galicia. Ao encontro asistiu a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González.

O obxectivo destas axudas é a de contribuír á mellora da empregabilidade mediante a adquisición de habilidades e capacidades prelaborais das persoas cun nivel de discapacidade superior ao 33%, implementando accións sociais específicas e complementarias que se presentan con carácter xeral para a formación e o emprego.

Como novidade con respecto á anterior e primeira convocatoria desta liña de axudas, a orde procurará achegar as subvencións a un maior número de persoas con discapacidade permitindo o acceso aos programas formativos de todas aquelas persoas maiores de 16 anos e cun nivel de discapacidade igual ou superior ao 33% flexibilizando os requisitos de acceso con respecto á anterior convocatoria que limitaba o acceso a aquelas persoas cun grao de discapacidade comprendido entre o 33 e o 80% e unha franxa de idade comprendida entre os 21 e os 35 anos. Así mesmo, incentivarase a vinculación das actividades co medio rural, de xeito que contribúa ao mantemento do asentamento da poboación así como a unha maior visualización de valoración do entorno no que se vive.

A convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, está cofinanciada con fondos do Fondo Social Europeo nun 80% e con fondos da Xunta de Galicia nun 20%, chegando o crédito inicial previsto a 1.015.158 euros.

O carácter plurianual desta convocatoria dota da necesaria continuidade a unha medida que se desenvolverá durante os próximos tres anos mediante dúas novas convocatorias de axudas. A seguinte está prevista para o primeiro semestre de 2018.

Cómpre destacar que algúns dos proxectos de formación que xa se beneficiaron na anterior convocatoria destas subvencións contribuíron á preparación dos exames de acceso ás prazas de emprego público para persoas con discapacidade. O ano pasado a Xunta de Galicia ofertou 35 prazas para o colectivo, das que 12 foron destinadas a persoas con discapacidade intelectual.

Estratexia galega sobre discapacidade 2015-2020

Esta iniciativa inclúese na Esgadi, en concreto, na liña estratéxica de formación e emprego, e incorpora de maneira transversal a perspectiva de xénero. Así mesmo, estas axudas están aliñadas co aumento da empregabilidade e produtividade dos traballadores galegos a través da formación e innovación constante; e co deseño dunha estratexia de integración social que mellore o benestar da cidadanía, ambos eixos do Plan estratéxico de Galicia 2015-2020.

13 de xuño de 2017 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.