A Xunta avanza na tramitación urbanística da intermodal de Santiago coa solicitude dos informes sectoriais
A Xunta avanza na tramitación urbanística da estación intermodal de Santiago coa solicitude dos informes sectoriais necesarios para a súa aprobación. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de requirir aos organismos correspondentes os documentos precisos para acadar a aprobación urbanística deste proxecto.
O Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, vén de solicitarlle informes sectoriais á Administración do Estado, concretamente ao Ministerio de Fomento, no que se refire a servidumes acústicas; á Delegación do Goberno, no eido de obras públicas; e ao Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, en referencia ás telecomunicacións.
A Xunta de Galicia tamén deberá achegar os informes sectoriais precisos, concretamente os requiridos á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Augas de Galicia, ao Instituto de Estudos do Territorio (IET), á Dirección Xeral de Calidade e á Dirección Xeral de Emerxencias.
Paralelamente, a Administración autonómica está a desenvolver a tramitación ambiental do proxecto.
Cómpre lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, o Concello de Santiago e o Ministerio de Fomento acordaron o pasado mes de febreiro tramitar a infraestrutura a través da chamada ‘lei express’, co obxectivo de dotala do amparo urbanístico necesario para poder licitar este mesmo ano as obras da primeira fase do proxecto, é dicir, a estación de autobuses e a pasarela cuberta que a conectará coa terminal ferroviaria.
Esta decisión adoptouse tendo en conta que o planeamento urbanístico de Santiago de Compostela non prevé o desenvolvemento desta infraestrutura, e que a alternativa prevista era regularizala a través da elaboración dun Plan especial cuxa aprobación podería demorarse ata 22 meses.
A Xunta segue a avanzar nos compromisos adquiridos, nos trámites para a execución e posta en marcha dunha estación intermodal na capital de Galicia útil, eficiente e adaptada ás necesidades dos composteláns e de todos os usuarios e viaxeiros.
A estación intermodal de Santiago facilitará o intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte e contribuirá a facer cidade a través da pasarela de conexión entre barrios.











