publicidade hoxe

A Xunta acomete a remodelación da escola infantil de Barrocás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
José Manuel Rey Varela na visita á escola infantil de Barrocas

José Manuel Rey Varela na visita á escola infantil de Barrocás

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, realizou hoxe unha visita á escola infantil Barrocás na cidade de Ourense, na que estivo acompañado polo alcalde da cidade Jesús Vázquez, así como pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.

O titular autonómico fixo un percorrido polas instalacións que serviu para coñecer as melloras realizadas nas mesmas nos últimos meses. Nomeadamente, o conselleiro fixo referencia á remodelación interior da escola e ás obras no sistema de climatización. Ademais, “froito desta reforma completa, proximamente abrirase unha nova unidade para nenos e nenas de 0 a 1 anos”, anunciou Rey Varela ao tempo que indicou que a Administración autonómica investiu máis de 76.000 euros nos últimos meses nestas melloras. “Queremos que as instalacións para os nenos e nenas galegos sexan as mellores, xa que este tipo de recursos son moi importantes para a conciliación, ademais de que son o primeiro contacto educativo dos máis pequenos”, engadiu o conselleiro.

Así mesmo, o conselleiro fixo referencia á apertura nesta lexislatura dunha nova escola infantil en Ourense, “o que permitirá que a cidade dea un salto moi importante en número de prazas e que acade a ratio aconsellada pola Unión Europea”.

No marco desta visita, Rey Varela lembrou que a Xunta de Galicia pon a disposición dos pais e nais o Bono Concilia para o curso 2017-2018, dotada cun orzamento inicial que ascende a 3,4 millóns de euros o cal está aberto a ampliación coa finalidade de garantir que se atenderán todas as solicitudes que cumpran cos requisitos. Ao respecto, o conselleiro explicou que esta nova convocatoria presenta importantes novidades coa intención de chegar a un maior número de familias, sendo as beneficiadas por esta iniciativa neste curso preto de 2.600. A contía económica desta axuda oscila entre os 45 e os 250 euros mensuais en función da renda.

O responsable da carteira social do Goberno galego insistiu en que o obxectivo é, ao igual que se fixo neste curso, atender a todas as familias que teñen solicitada unha praza en escolas infantís e queden finalmente ne lista de agarda, para o que se lles adxudicará ben unha praza concertada ou se lles concederá a sinalada axuda do Bono Concilia para que elixan o centro no que queren matricular aos seus fillos.

27 de xuño de 2017 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.