publicidade hoxe

A Xunta achega ata O Carballiño Cooperativismo en movemento para difundir as vantaxes deste modelo de negocio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Carballiño
A-
A+

A campaña Cooperativismo en movemento, coa que a Xunta está levando ás vilas galegas as vantaxes deste modelo empresarial, chega mañá ao Carballiño (Ourense) cunha exposición e o espectáculo de humor Salvar o cooperativista Adrián do monologuista Marcos Pereiro. A Praza Maior acollerá a partir das 21,00 horas esta iniciativa, promovida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que está enmarcada dentro da programación que se está desenvolvendo no mes previo ao Día do Cooperativismo Galego, que se celebrará o sábado 1 de xullo.

O actor e humorista galego Marcos Pereiro presentará o seu monólogo acompañado pola banda sonora en directo do pianista Cristian Leggiero. A través de diferentes elementos e recursos, combinados co seu particular humor, amosaranlle ao público asistente o que se pode chegar a facer cooperando cos demais e incluso cun mesmo. Ademais do espectáculo, tamén poderá visitarse unha exposición sobre o cooperativismo galego que se instalará na mesma praza. En caso de choiva colocarase unha carpa para que nada impida desfrutar da xornada.

Cooperativismo en movemento finaliza mañá no Carballiño tras percorrer as localidades de Foz e Chantada, en Lugo; Pontevedra e Vilanova de Arousa, na provincia pontevedresa; e Porto do Son, na coruñesa.

Outra das iniciativas que a Xunta está levando a cabo para celebrar o mes do cooperativismo é a entrega de premios do certame Cooperativismo no ensino, unha iniciativa na que resultaron galardoados o IES Pino Manso do Porriño (Pontevedra); o CEIP plurilingüe Domaio de Moaña (Pontevedra); o IES Sanxenxo de Portonovo (Pontevedra); o CPI Monte Caxado das Pontes (A Coruña); o CEIP San Miguel de Reinante de Barreiros (Lugo); o IES Monte Neme de Carballo (A Coruña); e o CEIP Sestelo Baión, en Vilanova de Arousa (Pontevedra). Esta actividade remata hoxe no CEIP San Miguel de Reinante.

Por último, o 30 de xuño, terá lugar unha xornada de portas abertas co obxectivo de que as cooperativas poidan mostrar o seu labor á cidadanía. Esta programación rematará o 1 de xullo coa celebración do Día do Cooperativismo en Galicia.

23 de xuño de 2017 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.