publicidade hoxe

A XLVI “Festa do Peixe” volverá a converterse no maior escaparate gastronómico de Bande

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeCalendarioOurense
A-
A+
Presentación da Festa do Peixe de Bande

Presentación da Festa do Peixe de Bande

A XLVI edición da “Festa do Peixe” servirá, un ano máis, de escaparate para dar a coñecer e promocionar as riquezas gastronómicas do municipio de Bande cun variado programa de actividades para os días 9, 10 e 11 de xuño. A presentación desta celebración tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; e José Emilio Rodríguez, representante do “Club O Peixe”.

Manuel Baltar destacou que se trata dunha “das festas máis importantes que se celebran na provincia, declarada “Festa de Interese Turístico de Galicia”, que ano tras ano medra e que converte durante eses días a Bande como protagonista dunha das celebracións gastronómicas máis antiga de Galicia”, e felicitou ao Concello de Bande pola súa capacidade innovadora “ao propoñer iniciativas como os Foros TOU de desenvolvemento rural ou por apostar polo máis noso con celebracións destas características. Bande é como a provincia de Ourense a pequena escala, pois conta con todas as potencialidades do noso territorio: termalismo, natureza, patrimonio, etnografía”.

Pola súa parte, José Antonio Armada agradeceu o apoio da Deputación de Ourense coas iniciativas que propón o Concello de Bande e aos pescadores “por ser o xerme desta celebración”.

A inauguración do evento terá lugar o día 9 de xuño, ás 20.00 horas cun paseo polos postos gastronómicos. A música nesta xornada correrá a cargo da Banda de Gaitas e as pandereteiras do municipio e das charangas Os Bandiños e Terras de Trives. Ao día seguinte, as actividades arrancarán ás 10.00 horas co Concurso de Percorrido de Caza para afeccionados e, unha hora máis tarde, volve a música coa actuación dos Gaiteiros de Cadós. Pola tarde, ás 17.00 horas, realizaranse exhibicións de patinaxe no Pavillón de Deportes, e ás 18.00 horas, terán lugar as demostracións de salto con patíns e freestyle na praza da Constitución, “no que participarán campións do mundo de freestyle”, destacou Jose Antonio Armada. A música desta xornada comezará ás 18.45 horas coas actuacións das charangas XL e Mekánica e coa sesión DJ na praza da Constitución, mentres que a partir das 19.30 horas será a quenda para os máis cativos cun espectáculo infantil Contos Máxicos e, ás 20.30 horas, farase a entrega de premios e trofeos dos distintos concursos e campionatos da xornada.

O domingo, 11 de xuño, a programación comezará ás 8.00 horas co concurso de pesca, e ás 10.30 horas abrirá o Mercado do Xurés, no que actuará a charanga de Bande. Será a partir das 11.00 horas cando abra as súas portas o mercado de artesanía instalado na rúa San Roque. Ás 12.00 horas será a procesión e a misa solemne que rematará cun espectáculo de bombos con “Sâo Tiago de Sopo” de Vilanova de Cerveira e co concerto da charanga de Bande. Na xornada de tarde, ás 17.30 horas, será o concerto de concertina con Castrexos, e despois o concerto de acordeóns a cargo da asociación cultural “Os Gandeiros da Baixa Limia”. O espectáculo continúa ás 18.45 horas cunha exhibición de Zumba Por último, ás 19.00 horas haberá degustacións de peixe e pan artesanal do forno de Vilar de Bande e a música correrá a cargo do grupo Támega.

No relativo ao campionato de pesca, José Emilio Rodríguez destacou o labor que realiza o municipio de Bande “poñendo en valor ao peixe e a unha festa que leva a celebrarse preto de 50 anos”. Para participar, a inscrición formalizarase coa entrega dun quilo de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos. As previsións son que participen ao redor de 50 pescadores, “unha cifra similar a anos anteriores, nos que se capturaron ao redor de 80 quilos de peixe”, sinalou o representante do “Club O Peixe”.

6 de xuño de 2017 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.