A Illa de Arousa será escenario da final da Copa Deputación de Fútbol
Mañá mércores 7 de xuño terá lugar a gran cita para todas as seguidoras e seguidores do fútbol da provincia de Pontevedra, xa que o campo de fútbol Salvador Otero, na Illa de Arousa, acollerá a final da décima Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra que se disputarán o CD Estradense e o CD Choco. O encontro, ao que asistirá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comezará a partir das 21:15 horas e terá capacidade para acoller a arredor de 1.500 espectadoras e espectadores. Ademais, tamén será retransmitido por streaming na páxina web da Deputación de Pontevedra, www.depo.gal.
Neste partido enfrontaranse os dous equipos gañadores das dúas semifinais da Copa, que enfrontaron aos equipos do norte e do sur da provincia de Pontevedra. O vencedor da semifinal norte foi o Club Deportivo Estradense, da Estrada, que se enfrontou ao Céltiga FC da Illa de Arousa e logrou vencer por 2 goles a 0. Pola súa banda, a semifinal dos equipos do sur saldouse coa vitoria do Choco de Redondela, que gañou fronte ao Sporting Guardés co mesmo resultado (2-0).
Ademais de proclamar ao equipo vencedor do trofeo, durante o partido terá lugar o sorteo de dúas bicicletas que tamén se entregarán nesta xornada ás persoas gañadoras. Para poder acceder ao premio, o CD Estradense e o CD Choco venderán rifas a todas as persoas asistentes ao partido. As rifas, ademais, servirán como un incentivo económico para os clubs, xa que o encontro ten entrada gratuíta.