publicidade hoxe

A formación dos 25 emprendedores seleccionados no coworking de Monforte comeza en Expolemos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMonforte de Lemos
A-
A+

Os 25 emprendedores, que impulsan os 20 proxectos seleccionados para participar na segunda edición do espazo coworking de Monforte, comezan mañá, no espazo cedido polo Concello en Expolemos, as sesións de formación e asesoramento.

Esta iniciativa para promover o emprendemento innovador e dinamizar a economía e a creación de emprego no ámbito rural está impulsada pola Xunta, a través do Igape, en colaboración da Fundación Escuela de Organización Industrial (EOI) e conta co apoio do Fondo Social Europeo.

Na primeira edición, o espazo coworking de Monforte contou cun total de 16 proxectos desenvolvidos por 18 emprendedores. Os participantes recibiron o asesoramento preciso para realizar o seu proxecto coa maior garantía de éxito. Entre as ideas de negocio desenvolvidas destacaron plataformas dixitais nos eidos do turismo ou a ecoloxía, a comercialización de xeito novidoso de produtos ecolóxicos, o fomento de produtos alimenticios naturais da comarca ou a oferta de novos servizos turísticos personalizados e adaptados ao medio.

No marco da convocatoria que agora comeza a desenvolverse haberá, ademais de en Monforte, espazos de emprendemento abertos en Ferrol, Cabana de Bergantiños, Mondoñedo, Celanova e Santiago de Compostela. En total, 164 emprendedores impulsarán o desenvolvemento de 125 novos proxectos empresariais.

En cada unha destas sedes ao servizo do emprendemento haberá o próximo ano outras dúas edicións que se desenvolverán durante 5 meses cada unha. As aceleradoras poderán formar e titorizar, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos seleccionados para cada edición, un máximo de 22 por cada sede e convocatoria.

Os espazos coworking forman parte da Rede Galega de Aceleradoras impulsada pola Xunta, que xoga un papel clave transformando iniciativas innovadoras en empresas. A través da mesma desenvolvéronse, nos catro últimos anos, 500 proxectos que supuxeron a mobilización de 14 millóns de euros en espazos como Agrobiotech en Lugo e Ourense; Vía Lugo en colaboración con Zona Franca, como parte de VíaGalicia; Business Factory Auto en Vigo; ou Galicia Open Future con Telefónica e Connecting for good Galicia, xunto con Vodafone, en Santiago.

19 de xuño de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.