publicidade hoxe

A Deputación fai realidade o museo da casa de Rafael Dieste na vila literaria de Rianxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRianxo
A-
A+

A Deputación da Coruña aposta por apoiar o proxecto do concello de Rianxo como vila literaria de referencia coa adecuación para museo da casa de Rafael Dieste, na rúa de Abaixo en que se atopan as casas de Manuel Antonio e Castelao. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, asinaron hoxe o convenio de colaboración que dará inicio ás obras de reconstrución do inmóbel do escritor recreado na obra A fiestra valdeira.

Cunha achega de 189.456,66 €, o 80 % do orzamento total de 236.820,82 €, a Deputación da Coruña apoia a adecuación da casa do escritor Rafael Dieste en museo no camiño de consolidar o proxecto de vila literaria do concello de Rianxo. A casa que o autor recreou na súa obra A fiestra valdeira atópase na Rúa de Abaixo que comparte coas vivendas de Castelao e Manuel Antonio, esta última xa habilitada como museo.

“Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, en que a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantado e persoas que queren renderlle homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa”, sinalou Goretti Sanmartín Rei no acto de sinatura de convenio que se desenvolveu na propia casa de Rafael Dieste.

“Para nós é unha obriga contribuír a difundir o seu legado nun concello que aposta pola cultura que forma parte da súa identidade cun tesouro para a veciñanza mais tamén que se proxecta para o mundo, á maneira da propia figura de Rafael Dieste”, engadiu Goretti Sanmartín que destacou a potencialidade das casas literarias como atractivo turístico, cultural e económico. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros do museo de Manuel Antonio e tamén da casa de Castelao, Rianxo consolídase como un lugar emblemático do noso país e a súa cultura”, concluíu na súa intervención a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Pola súa parte, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, agradeceu que desde a Deputación da Coruña, co voto favorábel de toda a corporación, se considerase a iniciativa como un “proxecto singular, de país, en clave galega”. Anunciou que, de inmediato, desde o Concello comezarán as xestións para a contratación da obra coa idea de que nun prazo de dez meses se poda xa abrir a casa ao público. “Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros da de Manuel Antonio e a de Castelao, a Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada”, explicou Adolfo Muíños que se congratulou por un novo “espazo gañado para a cidadanía e a cultura galega, ademais de facer xustiza coa memoria do escritor”.

O alcalde de Rianxo adiantou tamén algúns dos materiais que formarán parte do futuro museo de Rafael Dieste como mobiliario orixinal que xa foi restaurado, o piano, coleccións de partituras e primeiras edicións da obra e lembrou que, en vida do escritor e a súa muller Carmen Muñoz, a casa era centro de irradiación cultural en que se sentía a música ao vivo e se prestaban libros antes de que “esta vivenda padecera tamén a longa noite de pedra”.

O proxecto que agora inicia o seu percorrido inclúe obras de cimentación, saneamento e pluviais, consolidación a estrutura, albanelería, carpintería interior, instalación eléctrica e protección contraincendios, instalación de fontanería e calefacción, revestimentos e ascensor e rematará coa apertura ao público do inmóbel reconstruído cunha sala de actos e exposicións na planta inferior e a recreación dos espazos máis vinculados á vida do escritor no primeiro andar coa galería que dá ao mar e que está presente na obra A fiestra valdeira.

A casa de Rafael Dieste é unha construción blasonada do século XVIII situada no centro histórico de Rianxo e leva deshabitada desde a morte do escritor, hai un cuarto de século. Foi adquirida polo concello de Rianxo en 2007 e no ano 2012 desenvolveuse unha intervención sobre o tellado e as fachadas.

6 de xuño de 2017 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.