A Deputación de Pontevedra executa os traballos de sinalización horizontal das estradas provinciais no Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra está a traballar esta semana no pintado da nova sinalización horizontal nas estradas provinciais da comarca do Salnés. Os traballos contratados pola institución provincial renovarán 193,6 quilómetros de sinalización que ascenden a investimento de 129.932,36 euros.

O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade, no que están inmersas estas actuacións no Salnés, beneficiará a 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura o deputado Uxío Benítez, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

Na última semana a empresa adxudicataria do lote correspondente á comarca do Salnés estivo a traballar na EP-9402 Mosteiro-Barrantes e EP-9405 Sanxenxo-Meaño en Meis, na EP-9505 do ramal da igrexa de Barrantes en Ribadumia e na EP-9802 da estrada das Aceñas na Illa de Arousa. Dada a climatoloxía prevista para os próximos días realizaranse traballos de replantexamento noutras estradas e despois entrarase na comarca de Caldas, polo mesmo concello de Caldas.

Na comarca do Salnés o plan de mellora da sinalización horizontal suporá o pintado de 193,6 quilómetros de sinalización horizontal en 22 vías. O concello de Cambados verá pintadas catro estradas provinciais (21,8 qm.), o de o Grove unha (5,8 qm.), o de Sanxenxo cinco (50,8 qm.), dous o de Meaño (26,8 qm.), catro o de Meis (63,7 qm.), tres o de Ribadumia (12 qm.), unha o de Vilagarcía (4,9 qm.) e dúas a Illa de Arousa (7,8 qm.).

28 de xuño de 2017 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.