A Deputación da Coruña leva a pleno os investimentos do Plan Único

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O deputado de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico Artístico, Xosé Regueira, presentou en rolda de prensa os investimentos do Plan Único de Concellos que será o tema único do pleno extraordinario que se desenvolverá mañá xoves a partir das 11.00 horas na Deputación da Coruña. Cun orzamento de 74 millóns, o plan é o mellor dotado da historia da institución e suporá o inicio de 353 actuacións públicas nos concellos.

O deputado Xosé Regueira situou a relevancia do pleno extraordinario que a Deputación da Coruña celebrará mañá xoves, 8 de xuño á altura do debate dos orzamentos da institución. “Trátase da aprobación do plan de maior orzamento dos aprobados, dotado con 74 millóns de euros que supón un novo modelo de xestión dos fondos provinciais”, explicou Xosé Regueira na roda de prensa en que debullou o destino principal dos investimentos.

Do orzamento global, 36.068.439,49 destinaranse a obras e subministros, 21.675.284,65 a gastos correntes, 97.188,92 a honorarios de realización de proxectos, 812.247, 38 a achegas municipais a outros plans, 3.085.899 ao pago a provedores e 5.461.214, 68 a redución de débeda dos concellos con entidades financieiras.

“O resultado deste reparto do fondo é unha boa nova para a provincia xa que vai incrementar a carga de traballo e, ademais do investimento directo en obra pública, o pago da débeda dos concellos suporá aliviar as contas para novas actuacións municipais”, destacou o deputado responsable de Plans Provinciais.

O responsable da área de plans destacou que o modelo está a ser moi ben recibido polos gobernos municipais, que reclaman mecanismos semellantes á hora de distribuír os fondos. “Seguindo a liña definida polo goberno, estamos a conseguir unha distribución dos orzamentos transparente e con criterios obxectivos a través de plans, coa eliminación de convenios nominativos que quedan reducidos a cuestións moi extraordinarias. Defendemos, e este plan é o máis claro exemplo, a autonomía política das administracións locais, elixidas democraticamente e as máis achegadas á veciñanza”, explicou Xosé Regueira.

O deputado anunciou que os 74 millóns do Plan Único de Concellos van ser suplementados proximamente coa incorporación de novos remanentes cunha previsión de investimento de 20 millóns máis a través dun plan complementario. Destacou que o POS+ suporá 353 actuacións públicas ás que se incrementarán as novas licitacións dos concellos ao satisfacer a débeda con provedores e entidades financieiras. Regueira anunciou tamén a intención de que o próximo ano a aprobación se adiante ao mes de abril e lamentou o retraso pola complexa tramitación deste primeiro Plan Único de Concellos.

O POS+2017 integra o anterior POS, PAI e PAS e incorpora once liñas de subvención nun plan único cun reparto obxectivo e transparente que permitirá aos concellos máis autonomía e poder de decisión sobre o destino dos fondo.

7 de xuño de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.