A Deputación da Coruña financia a contratación de 11 operarios para a limpeza de praias en Laxe
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases para a contratación de 11 peóns en Laxe, cuxos custes salariais financia a Deputación da Coruña, para a limpeza das praias do concello durante os meses de verán.
As funcións que desempeñarán os traballadores serán as necesarias para manter os areais, o seu entorno e os accesos viarios en perfectas condicións para o seu uso por parte dos bañistas.
Prioridade desempregados/as con dificultades para a integración laboral
Entre os requisitos que deben cumprir os/as aspirantes a estes postos de traballo, figuran ter cumpridos os 16 anos de idade e estar inscritos no Servizo Galego de Colocación como demandantes de emprego.
Así mesmo, darase prioridade ás persoas con dificultades para a integración laboral, como aos parados de longa duración, ás persoas con fillos menores de 26 anos ao seu cargo ou cuxo cónxuxe tamén estea en situación de desemprego.
Os aspirantes deberán realizar unha proba práctica de manexo, destreza e desenvolvemento cunha desbrozadora manual, valorándose a rapidez e habilidade na utilización da ferramenta.











