publicidade hoxe

A Deputación da Coruña completa as obras de reparación da ponte de Catoira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCatoiraRianxo
A-
A+

O deputado responsable de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, visitou esta mañá as obras de reparación da xunta central da ponte de Catoira levadas a cabo pola Deputación da Coruña e que supuxeron un investimento próximo aos 30.000 euros.

José Manuel Pequeño lembrou que “as obras se fixeron sen interromper o tráfico”, permitindo en todo momento a circulación dos vehículos nunha ponte que conta cun elevado volume de tráfico, conectando sobre o río Ulla os concellos de Rianxo e Catoira.

O deputado responsable de Vías e Obras insistiu en demandar unha reunión coa Xunta de Galicia para abordar a transferencia desta infraestrutura á administración autonómica, como recolle o Plan Move, dado o carácter estratéxico do vial que une as provincias da Coruña e Pontevedra e absorbe un importante volume de tráfico ao conectar dúas das principais arterias de comunicación da zona, a AP-9 e a Autovía do Barbanza.

Tal e como plantearon o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na visita á zona realizada hai agora un ano, José Manuel Pequeño manifestou a “disposición do goberno provincial a efectuar as obras necesarias para corrixir as deficiencias que poida ter a ponte”, pero estimou que “a mellor opción pasa por transferir o vial á Xunta, tal como demandan tamén os alcaldes de Rianxo e Catoira”.

Reparación dos soportes e das armaduras danadas

Os traballos na ponte de Catoira consistiron na retirada dos antiguos soportes en poliestireno expandido, que provocaban que o taboleiro da ponte se levantase na zona central, ocasionando danos no firme. O novo sistema de apoios executado consiste nunha chapa de aceiro inoxidable e novos soportes entre a armadura e a plataforma.

Unha vez solventado o problema nos soportes, procedeuse a pechar o oco aberto na zona da xunta central, a recolocar a propia xunta de dilatación, fresar o firme e aplicar unha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa.

As obras financiadas pola Deputación da Coruña tamén incluíron varias reformas para subsanar as deficiencias na armadura inferior do taboleiro, que estaba formigonada pero sen recubrimento, polo que se atopaba desprotexida da humidade. Neste caso, substituíse o formigón danado e as fraccións de armadura corroídas e posteriormente recubríronse as estruturas cun morteiro de resinas acrílicas e fibras de polipropileno, que mellorará a resistencia e evitará a corrosión.

14 de xuño de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.