A Deputación da Coruña apoia a iniciativa “Acampa pola paz”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña apoia a iniciativa “Acampa pola paz”, que durante os vindeiros días permitirá que os coruñeses se acheguen a “unha realidade que moitas veces semella allea, pero que constitúe un dos maiores problemas humanitarios dos últimos anos: o éxodo de millóns de seres de humanos que, fuxindo de guerras dor e sufrimento, buscan refuxio para as súas familia nos países europeos”.

Así o explicou esta mañá o deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, que xunto ao alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e ao reitor de UDC, Julio Abalde, inaugurou esta mañá a acampada simbólica que durante os vindeiros días permanecerá nos xardíns de Méndez Núñez para dar a coñecer á cidadanía como é realmente un campamento de refuxiados e as circunstancias que os ocasionan, ademais de concienciar sobre a importancia do traballo que as ONG e organización sociais desenvolven nas zonas de conflito.

Bernardo Fernández destacou que “a través dunha perspectiva multidisciplinar, que une fotografía, música e arte, a Acampada pola paz fomenta a participación da cidadanía e ofrece toda a información necesaria para posicionarse e forxarse unha opinión”.

Durante os vindieiros días, os coruñeses poderán reunirse e dialogar con fotógrafos, xornalistas ou persoal de axuda humanitaria que traballa a cotío sobre o terreo e que poden contar de primeira man a dura realidade que se vive nos campos de refuxiados.

Ademais de homenaxear a todas aquelas persoas que faleceron na busca dun refuxio, esta Acampada é unha experiencia pedagóxica moi necesaria e unha oportunidade única de coñecer o traballo de grandes profesionais coma Javier Bauluz, Xosé Abad ou Juan Teixeira, entre outros moitos fotógrafos, xornalistas e artistas que converterán os Xardíns de Méndez Núñez nun espazo de sensibilización, cultura e conciencia social.

15 de xuño de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.