A Deputación da Coruña apoia a ampliación do centro Kerámikos da APEM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, participou na inauguración da ampliación do centro Kerámikos, un taller de cerámica da Asociación Pro enfermos mentais (APEM) que a Deputación da Coruña subvencionou con maís de 85.000 euros no novo programa de apoio ás entidades de servizos sociais.

A ampliación do centro Kerámikos que este luns foi inaugurada é unha das obras que formou parte do novo programa para investimentos destinados a finalización de obras e adquisición de equipamentos para a posta en marcha de novos servizos e prestacións en materia de servizos sociais das entidades sen ánimo de lucro. “Trátase dunha liña que consideramos necesaria e que era unha demanda das propias entidades, que non tiñan recursos para afrontar investimentos necesarios para a mellora e o mantenemento do seu labor”, explica Ánxela Franco, que participou no acto de inauguración dun taller onde ser realizarán actividades ocupacionais para dotar de competencias profesionais ás persoas afectadas por enfermidades mentais co fin de lograr a súa integración sociolaboral.

No centro da Asociación Pro Enfermos Mentais traballan na actualidade 21 persoas que se encargan de funcións xerais de rehabilitación psicosocial e laboral relacionadas coa integración social, mellora e funcionamento psicosocial da persoa afectada co fin de posibilitar a maior autonomía e independencia e apoio ás familias favorecendo as súas capacidades e recursos de adaptación á enfermidade e promovendo unha mellora na súa calidade de vida.

Entre os programas que desenvolven atópanse o adestramento en habilidades sociais e en actividades da vida diaria, actividades de lecer, psicoeducación, prevención de recaídas, terapia ocupacional, apoio ás familias e actividade prelaboral.

No Centro do que agora se habilita a súa ampliación farase especial fincapé na área prelaboral co obxectivo de actualizar e potenciar a cualificación profesional das persoas con enfermidades mentais para facilitar a súa inserción sociolaboral e acompañalas no proceso previo á incorporación ao mercado laboral, fomentando a súa autonomía persoal e social. “Para nós é fundamental conseguir que as persoas afectadas por enfermedades mentais atopen o seu lugar no mundo do traballo e, neste sentido, este centro e a actividade da entidade encamiñada á formación é de especial relevancia porque só garantindo un futuro laboral se pode conseguir unha verdadeira inserción social”, engade Ánxela Franco.

12 de xuño de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.