A Deputación da Coruña acolle a entrega dos Premios Mª Luz Morales de investigación audiovisual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Cibrán Tenreiro, Noelia Álvarez e Nazaré Estévez, Denisse Lozano e Brais Romero, que recibiu tamén un accesit, recolleron esta mañá na sede da Deputación da Coruña os primeiros Premios María Luz Morales de investigación audiovisual. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín Rei parabenizou á Academia Galega do Audiovisual por esta iniciativa que bota luz sobre unha muller que foi pioneira na crítica e nos estudos cinematográficos.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, abriu o acto de entrega dos premios Mª Luz Morales destacando na súa intervención inaugural a dimensión da xornalista nacida na Coruña que foi a primeira directora dun xornal diario no Estado cando se puxo á fronte de La Vanguardia, pioneira na crítica cinematográfica, no estudo da historia do cinema e formou parte, entre outras producións, do equipo dirixido por André Malraux para a rodaxe da película “L´espoir” ou “Serra de Teruel”. Goretti Sanmartin parabenizou a Academia Galega do Audiovisual pola iniciativa que é tamén “a homenaxe a unha muller que merece ser moito máis recoñecida”.

A Academia Galega do Audiovisual entregou esta mañá na Deputación da Coruña os primeiros premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, destacando cun galardón e 1.200 euros dous videoensaios e dous ensaios escritos asinados por cinco novísimos investigadores galegos, nunha iniciativa pioneira que conta coa participación das catro deputacións.

O ferrolán Brais Romero gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Galego con Films From Galicia (?) (vídeo), que ofrece unha visión crítica e combativa na marxinación do idioma galego na produción audiovisual galega e do que o xurado destacou a calidade na realización do videoensaio, cun tratamento sonoro moi expresivo. Romero recibiu, tamén, un accésit ao ensaio escrito galego con O galego no cinema galego (documento) que remarca a importancia e a responsabilidade institucional a respecto de afondar sobre o uso do galego nas producións cinematográficas.

A vilalbesa Denisse Lozano gañou o Premio ao mellor Vídeo Ensaio Internacional con A cámara perseguidora. Orixe e intención dos planos de seguimento (vídeo), que analiza un elemento estilístico e a súa relación co cine de intención social.

Cibrán Tenreiro (Oleiros) gañou o Premio ao mellor Ensaio Escrito Galego con Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega (documento), polo enfoque novidoso dun tema pouco coñecido e polo rigor no tratamento.

Noelia Álvarez (Lugo) e Nazaré Estévez (Cortegada) recolleron o Premio ao mellor Ensaio Escrito Internacional con Análise da representación da muller no cinema español da última década (documento), que ven cubrir a necesidade dun discurso de xénero na análise do tratamento da muller no cinema español.

O acto de entrega contou coa participación de Margarita Ledo, en representación do xurado, do que tamén forman parte o xornalista Ángel Suanzes e mais o guionista Daniel Domínguez; Carlos Ares, María Yáñez e Manolo González, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña; Pilar García Porto, deputada de Cultura da Deputación de Lugo; Manuel Doval, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; e José Manuel Sande, concelleiro de Culturas do Concello da Coruña.

7 de xuño de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.