A Delegación Territorial da Xunta en Ourense entrega os premios “Chefs saudables” entre os escolares participantes

Marisol Díaz na entrega de premios
A Delegación Territorial da Xunta en Ourense acolleu hoxe a entrega dos premios do concurso ‘Chefs saudables’, incluído no programa Por unha mocidade saudable organizado pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade e que se desenvolveu este curso en 32 centros educativos da provincia co fin de lograr concienciar ao alumnado da importancia dunha alimentación saudable.
Nesta actividade participaron 2.700 alumnos e alumnas dos ciclos de Educación Infantil e Primaria e constou de tres obradoiros diferentes, segundo a idade dos escolares. Coa súa realización a Xunta busca achegarlles aos escolares a información necesaria para o seu coñecemento dos nutrientes que deben incluír na súa dieta diaria e conciencialos na importancia de levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento.
Este programa ofertou aos centros participantes a realización dunha avaliación enerxética dos seus menús escolares, que deben incluír un mínimo de racións de froita fresca, racións de verdura, racións de legumes e racións de peixe para a semana, así como un máximo de pratos precociñados semanais.
A actividade tamén incluíu o concurso ‘Chefs saudables’ no que os grupos tiveron que deseñar e elaborar unha receita propia, cun menú saudable, de acordo cos coñecementos adquiridos. En total presentáronse 26 receitas, das que catro resultaron gañadoras. O primeiro premios recaeu na receita de salmón en papillote gornecido con patacas e corazóns de leituga primaverais, obra do CEIP Eulogio Gómez Franqueira de San Amaro., mentres que os tres accésits recoñeceron o menú elaborado polo CEIP Virxe Pena da Sela, do Irixo, que inclúe aguacates recheos de atún, bocados de pavo e mazá e sorbete de sandía; os xeados saudables preparados polo CEIP Sarreaus; e a Flor de primavera elaborada polo CEIP Mariñamansa da cidade.
A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, felicitou aos participantes neste programa e aos gañadores do concurso e subliñou a necesidade de organizar actividades deste tipo para fomentar unha alimentación saudable entre a poboación máis nova. “E máis, tendo en conta as cifras que reflicte o plan galego de prevención da obesidade infantil, Xermola, e que indican que no ano 2013 o 8% dos nenos galegos de 6 a 9 anos son obesos e o 25% deles sofren sobrepeso”, indicou Díaz Mouteira. Así, co desenvolvemento deste programa a Xunta pretende sensibilizar e educar na alimentación saudable e axeitada para diminuír a prevalencia de obesidade nos rapaces ourensáns.
O acto contou coa presenza do subdirector xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudable, Jorge Suanzes, e das xefas territoriais de Sanidade e Educación, María Villar e Luz Fernández respectivamente.
Os premios consistiron nunha visita ao Parlamento de Galicia e ao Centro Superior de Hostalería de Galicia; ademais da asistencia a unha xornada lúdico cultural ao complexo de Monterrei.











