publicidade hoxe

A alta cociña e a artesanía de Galicia reuniranse de novo nos Pendellos de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

A iniciativa Artesanía no Prato regresa un ano máis ao Corazón da Artesanía. VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 7 ao 9 de xullo no concello pontevedrés de Agolada organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Nun espazo único como é o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, os asistentes ás sesións de demostracións gastronómicas poderán degustar menús elaborados por prestixiosos profesionais da cociña galega e servidos en pezas de artesanía de Galicia.

O programa da sexta edición do Encontro contará o venres con Jorge Gago, do Restaurante A Maceta, e Lucía Freitas, membro do Grupo Nove, do Restaurante A Tafona, ambos en Santiago de Compostela, que prepararán os seus pratos no pendello O Paladar ás 14:00 e ás 20:30 horas, respectivamente.

O sábado día 8, ás 13:30 e ás 15:00 horas, será a quenda de Héctor López, do Restaurante España de Lugo e tamén integrante do Grupo Nove; mentres que Diego López “Moli”, do Restaurante La Molinera de Lalín realizará a súa demostración ás 20:30 horas.

Pola súa parte, Javier Rodríguez Ponte “Taky”, de Catering Boketé na Coruña e membro do Grupo Nove, fará dous pases o domingo 9 de xullo ás 13:30 e ás 15:00 horas. Para finalizar, ese mesmo día a empresa Orballo, de Donín, Paderne (A Coruña), fará unha cata e degustación de tisanas galegas ás 18:00 horas.

As inscricións para asistir ás demostracións de cociña poden realizarse a través do teléfono 692 843 313 (en horario de 9:00 a 14:00 horas) ou do correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com

Como en anos anteriores, estas exhibicións culinarias terán como soporte as pezas de Artesanía de Galicia. Deste xeito conséguese unha maridaxe entre as mellores propostas da cociña atlántica e as creacións de diferentes obradoiros artesáns.

Así, nas demostracións poderase ver a cesteria de Antonio Suárez, de Vigo; a olería de Buño (Malpica de Bergantiños) de Alfarería O Rulo e Obradoiro Cambón Olería; a madeira de Armaior (Quiroga); Cunqueiro de Palas de Rei e Atalanta de Berres (A Estrada); o téxtil de Concha Canoura de Culleredo; a marroquinería de EFerro de Merza, Vila de Cruces; os Coitelos de Celso Nuñez, de A Fonsagrada; a cerámica de Manuel Figueiras de Muros; Cerámica Suve de Cangas, Laura Delgado Cerámica de Cambre, Ojea Studio de Vigo e Victor Ares da Coruña.

Estes showcookings forman parte dunha oferta gastronómica que se complementa con unha cincuentena de postos alimentarios de calidade, onde haberá espazo para conservas, licores, mel ou doces. Ademais, haberá diferentes food trucks na praza da vila.

O Corazón da Artesanía en Agolada converteuse nestes anos vida nun espazo de diálogo entre a artesanía, o deseño, a arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural. Oficios tradicionais, gastronomía e música irán de novo da man nunha cita xa consolidada á que asistiron o ano pasado máis de 8.000 visitantes.

30 de xuño de 2017 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.