publicidade hoxe

Un grupo de sesenta mulleres do concello de Zas visitan a Deputación da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaZas
A-
A+

Acompañadas de seu alcalde e tamén deputado, Manuel Muíño, un grupo de sesenta persoas, case todas mulleres, da veciñanza de Zas visitaron a sede da Deputación da Coruña e mantiveron unha xuntanza coa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, que defendeu a necesidade de impulsar o futuro de pequenos concellos.

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, recibiu no salón de Plenos á veciñanza de Zas, e defendeu na súa intervención a necesidade de imprimir nova vida aos concellos pequenos, recuperar a actividade produtiva e explorar os novos recursos para imprimir un novo futuro no ámbito rural. “As Deputacións se teñen sentido é para contribuír a que isto aconteza, a promover que a xente que vive no ámbito rural poda ter os mesmos servizos e posibilidades que as que viven nas cidades”, dixo Goretti Sanmartín ás mulleres de Zas, participantes nas actividades de ximnasia terapéutica do Concello.

Na intervención, Goretti Sanmartín, destacou o pulo que, neste sentido, estalle a dar o goberno municipal de Zas, coa incorporación de novos espazos para o goce da veciñanza como as escolas unitarias que recentemente se rehabilitaron para o seu uso, nun proxecto financiado pola Deputación da Coruña.

Convidou ás veciñas e veciños de Zas a coñecer o patrimonio da Deputación, entre o que se atopa, as Torres do Allo que, segundo sinalou “están a ser xestionadas polo goberno de Zas como primeiro paso de cara a súa cesión definitiva porque ese patrimonio ten que pertencer aos concellos”.

O alcalde de Zas e tamén deputado de Asistencia a Municipios, Manuel Muíño, acompañou ás participantes nas actividades de ximnasia terapéutica a súa visita á Coruña e explicou algunhas liñas de traballo que se desenvolven desde a Deputación da Coruña, unha institución da que a veciñanza ten, moitas veces, unha idea confundida polo uso histórico que se lle deu mais que na actualidade está a “servir para eliminar o forte desequilibrio entre os concellos urbanos de máis habitantes e os rurais”.

4 de maio de 2017 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.