Turismo Rías Baixas confirma unha ocupación hoteleira provincial de máis do 77 % na ponte do primeiro de maio
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá os resultados de ocupación hoteleira rexistrados na provincia de Pontevedra durante a pasada ponte do primeiro de maio. Silva informou que a ocupación media provincial nos establecementos hoteleiros foi do 77,15 %, dous puntos por riba das estimacións realizadas por Turismo Rías Baixas, e do 56 % nos establecementos de turismo rural, 6 puntos máis que o previsto pola institución.
Carmela Silva asegurou que “estamos a falar dunha das mellores pontes de maio dos últimos anos, uns excelentes resultados que superan ata en 15 puntos os rexistrados na mesma ponte do 2016” e amosou a súa satisfacción por “seguir a ser un destino que crece”.
A ocupación hoteleira foi do 77,15 %, porcentaxe que se superou nas comarcas de Pontevedra, Vigo, O Morrazo, Caldas, no Deza e en Tabeirós-Terra de Montes. Pontevedra superou o 90 % de ocupación hoteleira, Vigo o 85 %, ao igual que o Deza e Tabeirós-Terra de Montes que rozaron esa porcentaxe, O Morrazo o 83 % e Caldas o 80 %. Pola súa banda, a comarca do Baixo Miño chegou ao 71 % de ocupación, O Salnés ao 70 % e as comarcas do Condado e da Paradanta superaron o 53 %.
No caso dos establecementos de turismo rural, a presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou a súa satisfacción por acadar unha ocupación do 56 % na provincia de Pontevedra, seis puntos máis que o previsto por Turismo Rías Baixas. Esta porcentaxe superouse en comarcas como O Morrazo, O Condado e A Paradanta, O Baixo Miño e Pontevedra. Así, O Morrazo superou o 92 % da ocupación nos establecementos rurais, O Condado e A Paradanta o 86 %, O Baixo Miño o 73 % e Pontevedra o 61 %. Pola súa banda, a comarca de Caldas acadou o 56 % e O Salnés o 41 %.











