publicidade hoxe

Simulacro do Plan de emerxencias exterior da Planta de Cepsa en Maside

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMaside
A-
A+

O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, participou esta mañá no simulacro do Plan de emerxencias exterior da Planta de Cepsa en Maside (Ourense).

O obxectivo do exercicio, no que participaron ao redor dun cento de profesionais de emerxencias entre bombeiros, voluntarios de protección civil, persoal e sanitario e policías, foi recrear como actuar e como levar a cabo os labores de rescate ante unha hipotética explosión de gas. Así, no transcurso do simulacro activouse o Plan de Emerxencias Exterior (PEE) para atender feridos como consecuencia dunha hipotética explosión de gas propano.

Tamén se fixo soar a alarma co obxectivo de que os habitantes do contorno se familiaricen con ela e sexan capaces de identificala no caso de activación dun plan de emerxencias.

Desde a Xunta quérese destacar a importancia da prevención como mellor ferramenta ante posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os PEE elaborados polo Goberno galego. Estes plans teñen como obxectivo determinar posibles riscos nas instalacións industriais para ter preparada unha resposta axeitada que minimice as consecuencias en caso de producirse un accidente. En concreto, establecen as medidas de protección idóneas, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que poidan intervir.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior é a encargada de redactar estes plans, que despois son validados pola Comisión Galega de Protección Civil, aprobados polo Consello da Xunta e, finalmente, homologados pola Comisión Nacional de Protección Civil.

Cabe lembrar, ademais, que os PEE representan un terceiro cinto de seguridade, posto que todas as empresas con risco químico, ademais de cumprir escrupulosamente coa normativa de seguridade industrial a nivel europeo, teñen que estar provistas dun Plan de emerxencias interior.

5 de maio de 2017 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.