Ourense establecerá acordos coa maior organización de industrias de alta tecnoloxía israelí no proxecto “Provincia Intelixente”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense Ourense establecerá acordos coa maior organización de industrias de alta tecnoloxía israelí (IATI) para seguir achegando innovación ao proxecto “Provincia Intelixente”, impulsado por Manuel Baltar, e que ten como obxectivo levar a cabo iniciativas de vangarda tecnolóxica no territorio provincial, aplicadas á xestión pública e aos servizos aos cidadáns. Neste sentido, o presidente da Deputación mantivo hoxe en Tel Aviv, na segunda xornada da súa viaxe a Israel, unha reunión co Karin Mayer, directora executiva de Israel Advanced Technology Industries (IATI) para avanzar nas liñas de colaboración que determinarán ámbalas dúas entidades, na procura de oportunidades de negocio entre start-ups e empresas de innovación ourensás e de Israel; favorecer contactos con fondos de investimento, e levar a cabo estudos e análises do ecosistema de emprendemento israelí, “que poidan achegar valor competitivo, económico e de transferencia tecnolóxica á provincia de Ourense”, expresou Manuel Baltar.

Entre as liñas de colaboración que analizaron Baltar e Mayer figuran impulsar programas de mecenazgo para xóvenes emprendedores e favorecer alianzas con incubadoras, centros de investigación e multinacionais, así como estratexias no marco do medio ambiente, tendo en conta que Ourense acollerá a sede do Consello Europeo de Economía Sostible. Manuel Baltar afirmou tralo encontro que esta canle que Ourense establece coa organización máis potente de Israel no ámbito tecnolóxico “abre importantes posibilidades para emprendedores e empresas da provincia de Ourense que traballan no sector da innovación e que desenvolven os seus proxectos nos eidos da informática, enxeñería, electrónica, tecnoloxía, e medio ambiente, entre outros”.

“Innovar, crear, producir e achegar aos cidadáns as vantaxes que supoñen os avances tecnolóxicos é un labor de todos: administracións públicas e empresas”, afirma Baltar, “e sociedades como a israelí, que ten no coñecemento a súa base de desenvolvemento económico e social, son excelentes aliados para seguir impulsando iniciativas pioneiras na provincia de Ourense”.

O obxectivo agora, tralo encontro de hoxe entre Baltar e Mayer, é asinar un acordo de colaboración que posibilite a empresas e centros de investigación da provincia de Ourense participar conxuntamente en proxectos de investigación, transferencia tecnolóxica, servizos e desenvolvemento coa IATI, integrada polas máis importantes star-ups e empresas tecnolóxicas de Israel.

Asociación de Fabricantes e parlamento

Manuel Baltar reuniuse tamén co director de Relacións Internacionais e Negocio da Asociación de Fabricantes de Israel, Dan Catarivas, organización que aglutina ao 90 % da industria deste país, e que inclúe cámaras de comercio, asociacións bancarias e compañías industriais, de electrónica, agroalimentación, téxtil, farmacéuticas e químicas, bens de consumo e construción. Baltar e Catarivas analizaron a posibilidade de establecer liñas de cooperación entre a Manufacturers Association of Israel e entidades empresariais da provincia de Ourense, orientadas ao ámbito da tecnoloxía avanzada, a promoción da cultura emprendedora e a innovación.

No eido institucional, Manuel Baltar entrevistouse no Parlamento de Israel, en Jerusalén, co deputado Oded Forer, membro do comité de Finanzas e responsable do Lobby de Promoción de Negocio do Knesset de Israel, quen destacou a importancia de iniciativas como a misión comercial USA-Ourense, “polo que supón de difusión e internacionalización dun territorio”, concordando co presidente da Deputación de Ourense en que a competitividade dun territorio a marcan, como principais factores, a innovación, o coñecemento e a cooperación público-privada.

A delegación ourensá en Israel, integrada por Manuel Baltar; polo vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez; o director de Desenvolvemento de Negocios de Excem Technologies, Isaac Chocron e representantes das empresas Coren, UNVI, Egatel, Welkin e Grupo Caldaria, participou tamén na “TAU Innovation Conference” (http://www.tau-innovation.com), un encontro organizado pola Universidade de Tel Aviv e que reúne aos principais líderes tecnolóxicos do mundo no ámbito do desenvolvemento de negocio, capital risco, empresas e networking, e no que se analizan aspectos da innovación, o marketing, a creatividade e a tecnoloxía.

A misión Ourense-Israel ten como obxectivo promover alianzas comerciais e de transferencia tecnolóxica con empresas e universidades de Israel, para establecer liñas de investigación entre o Campus de Ourense e a Universidade de Tel Aviv e tamén para abrir novas oportunidades de negocio para empresas ourensás dos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico e industrial, entre outros sectores.

11 de maio de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.