publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O programa “Mulleres en Acción. Violencia zero” chega a Poio cunha performance

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+

O IES de Poio acollerá este xoves, 4 de maio ás 12:00 horas, a performance que ofrecerá a parella artística LAG, integrada por Lara Buyo e Ana Corujo, dentro do programa “Mulleres en Acción. Violencia zero” que organiza o Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra no IES de Poio. Ao acto asistirá a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañada polo alcalde de Poio, Luciano Sobral, así como tamén o alumnado de 1º a 4º da ESO desta escola.

A performance, titulada “Branco fácil” nace en resposta crítica aos Consellos para non ser violadas que publicou o Ministerio do Interior o ano pasado. Buyo e Corujo forman a parella artística LAG, cun percorrido sempre ligado á temática feminista, e espectáculos onde a ironía e a reivindicación teñen un gran protagonismo. Consideran que a súa arte en parella non é unha dinámica de traballo, senón que é para elas unha forma de definirse.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero”, o programa da Deputación que chega este ano a súa segunda edición, reúne o traballo de 25 artistas galegas, especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero

Esta edición deu comezo en novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, e recalará ao longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

As actividades programadas pola Deputación de Pontevedra funcionan como arma de visibilización e de reflexión, para promover una sociedade igualitaria entre homes e mulleres, sen discriminación nin violencia, cos mesmos dereitos e deberes. Estas accións foron organizadas en colaboración conxunta cos concellos participantes e co apoio de asociacións de loita pola igualdade de xénero.

3 de maio de 2017 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.