O presidente da Deputación da Coruña destaca o papel do Fogar Infantil Emilio Romay coma referente na atención social a menores
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou “a gran labor social” que desenvolve o Fogar Infantil Emilio Romay da Coruña, dependente da institución provincial.
“Na Deputación estamos moi satisfeitos do importante traballo que desenvolve este centro, toda unha referencia a nivel galego polas súas instalacións, pola cualificación dos profesionais que nel traballan e polos programas de atención á infancia e á familia que desenvolve”, afirmou o presidente do goberno provincial durante a visita que realizou ao centro co obxectivo de coñecer de primeira man as instalacións, programas e necesidades do mesmo.
Acompañado da directora do Fogar Infantil, María del Carmen Díaz, González Formoso percorreu as instalacións, nas que actualmente se presta atención a 43 nenos e nenas, 26 deles en réxime de internado e 17 a través do fogar de día.
A distribución do inmoble, ubicado nas inmediacións da estación de tren da cidade da Coruña, articúlase a través de cinco unidades de convivencia, configuradas como fogares, con dormitorio, cociña, comedor, baños, sala de estar e espazo de lecer. Unha destas “casas”, como as definen os cativos, está configurada especialmente para bebés de ata un ano de idade e todas elas contan coa supervisión dun titor e un equipo de psicólogos, educadores infantís, traballadores sociais, auxiliares e persoal administrativo, encargados de desenvolver proxectos educativos individualizados para cada un dos nenos. En total, segundo explicou a directora do centro, forman un equipo multidisciplinar de 60 profesionais que vela polo benestar dos pequenos, en situacións de desamparo ou risco social, durante as 24 horas do día os sete días da semana.
Formoso falou cos cativos sobre a súa estancia no centro e as necesidades do mesmo para facer a súa estancia máis cómoda e coñeceu os programas que alí se desenvolven para atención educativa e psicosocial dos nenos e das súas familias.
Formando bailaríns coruñeses durante 27 anos
O presidente visitou tamén o Conservatorio de Danza da Deputación, ubicado na coruñesa rúa da Franxa, onde se forman 150 nenas e nenos a partir dos sete anos, e que este ano cumpre o seu vixésimo sétimo aniversario.
Acompañado do director, Luciano Gómez, o presidente da Deputación coñeceu as instalacións do centro, especializado en danza clásica, e no que se formaron bailaríns como a coruñesa Sofía Liñares, hoxe no Royal Ballet de Londres. O Ballet da Comunidad de Madrid Víctor Ullate, o Ballet de Carmen Roche, o Ballet da Ópera de Múnich, o Ballet de Lisboa, o Ballet de Ángel Corella ou a Hubbard Street Dance de Chicago, Tulsa Ballet (Oklahoma), entre outros contan tamén con bailaríns saídos das aulas deste conservatorio provincial.
Formoso destacou “o alto nivel do alumnado” grazas ao “excelente traballo” que realiza o equipo de profesores que dirixe Luciano Gómez e considerou “un orgullo” que bailaríns coruñeses estean hoxe formando parte ou ensinando danza nalgúns das mellores compañías do mundo.
Unha escola universitaria na que estudan 400 alumnos
O presidente provincial realizou tamén unha visita á Escola Universitaria de Relacións Laborais adscrita á UDC, ubicada nun inmoble cedido pola Deputación no que un total de 400 alumnos cursan actualmente os seus estudos de grao e máster universitario.
González Fomoso visitou as aulas e departamentos do edificio acompañado polo decano Jesús Vázquez Forno. Ambos participaron nunha reunión informal onde o persoal e os estudantes trasladaron ao presidente todas as iniciativas formativas que se están levando a cabo no centro e intercambiaron impresións sobre o futuro da titulación e a súa importancia no ámbito do laboral.
Valentín González Formoso destacou o esforzo organizativo da escola e mostrouse moi interesado polos plans de futuro da Escola de Relacións Laborais da Coruña, expresando a súa disposición para colaborar na mellora da institución e o benestar dos seus alumnos.











