publicidade hoxe

O Igape destaca o compromiso de Tune Eureka coa industria conectada para gañar competitividade a nivel global

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Juan Cividanes e José Manuel Cores Tourís na visita ás instalacións de Tune Eureka

Juan Cividanes e José Manuel Cores Tourís na visita ás instalacións de Tune Eureka

O director do Igape, Juan Cividanes, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacaron hoxe durante a súa visita a Tune Eureka o compromiso desta empresa coa fábrica intelixente como base para gañar en competitividade a nivel global.

Cividanes e Cores percorreron esta mañá as instalacións en Vilagarcía de Arousa de Tune Eureka, que está a desenvolver un proxecto piloto 4.0 para avanzar na automatización da súa produción, na mellora da planificación e a loxística nunha contorna web.

Tune Eureka, que destaca polos elevados estándares de calidade nos seus procesos e produtos, emprega a 70 traballadores e traballa para sectores tan variados como o naval, mecanizados, industria aeroespacial, xestión ambiental ou frío industrial. A empresa exporta o 99% da súa produción a clientes de mercados localizados nos países nórdicos, USA, China ou Alemaña, entre outros.

O director do Igape lembrou que, ademais de ser unha das 38 empresas beneficiarias das axudas a proxectos piloto no ámbito da industria 4.0, a empresa tamén se ten apoiado no programa ReAcciona do Instituto para optimizar a súa produción e cadea loxística, ou para desenvolver proxectos estratéxicos de futuro.

A Xunta de Galicia impulsou o pasado ano o primeiro Concurso de Ideas Industria 4.0, para apoiar proxectos piloto que permitan implantar tecnoloxías da fábrica conectada nas pemes galegas. Onte rematou o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á segunda convocatoria deste concurso, que poderá apoiar investimentos 4.0 en arredor de medio cento de empresas máis, ao abeiro dos seis mellores proxectos colectivos presentados por clústeres, centros tecnolóxicos ou organismos intermedios.

4 de maio de 2017 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.