O goberno da Deputación de Pontevedra aproba as bases de “Depoemprende na Escola 2017-2018”
A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases para convocar aos colexios públicos de Educación Primaria e Especial da provincia de Pontevedra para participar no programa “Depoemprende na Escola 2017-2018” co obxectivo de “promover a cultura emprendedora na escola” e que, en palabras da presidenta, Carmela Silva, “ao igual que acontece noutros países da Unión Europea, como en Austria, o emprendemento forme parte do sistema educativo xa que é cada vez máis necesario formar ás nenas e nenos para dotalos de instrumentos de adaptación aos novos tempos”.
“Depoemprende na Escola 2017-2018” ten por obxectivo promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo, achegando estas competencias entre o alumnado de primaria e educación especial, impulsando que sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica, a través da creación e xestión dunha cooperativa escolar nas aulas que fabrique produtos que se venderán unha vez ao ano, nun mercado ou feira da súa localidade. Ademais, Carmela Silva asegurou que “con este programa estamos a favorecer o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital”.
A Presidenta da Deputación destacou que para conseguir estes obxectivos, “a institución provincial vai achegar ao profesorado recursos didácticos para poder levar a cabo o proxecto, a través dunha guía con propostas metodolóxicas e actividades para afondar nos contidos”. Pola súa banda, tal e como manifestou Silva, “o alumnado contará cun libro de traballo para poñer en marcha as súas cooperativas e empresas e, ademais, porase a disposición da comunidade escolar un portal educativo como elemento de referencia”.
Os centros educativos que desexen participar o vindeiro curso en “Depoemprende na Escola” deberán presentar, antes do día 15 de xullo, a solicitude para poñer en marcha unha cooperativa que será xestionada, a elixir, por alumnado de 5º ou 6º de primaria.
Precisamente mañá martes, 30 de maio, terá lugar na explanada de Montero Ríos o evento “MercaEmprende” que servirá de clausura da edición de “Depoemprende na Escola 2016-2017”. Neste evento, o alumnado do CEIP Plurilingüe nº1 de Tui, CEIP Barcelos de Pontevedra, CEP Plurilingüe Riomaior de Vilaboa, CEE Príncipe Felipe de Pontevedra, CEIP A Rúa de Cangas, CEIP Frián-Teis de Vigo, CEIP Xulia Becerra de Ribadumia, CEP Antonio Magariños Pastoriza de Cambados e CEIP Laredo de Redondela, que participaron no programa este curso, porá á venda os produtos fabricados polas súa cooperativas.











