publicidade hoxe

O Goberno da Deputación de Lugo achega aos veciños de Trabada 500.000 euros para mellorar os seus servizos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoTrabada
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, informou este luns sobre o investimento que o Goberno Provincial achegou aos máis de 1.000 veciños deste municipio a través do Orzamento de 2016. Foron 500.000 euros os que se destinaron a mellorar as prestacións públicas no centro urbano de Trabada e, principalmente, no rural deste municipio.

Campos Conde e García Bermúdez, acompañados de veciños da zona, supervisaron as melloras executadas nos accesos a 8 núcleos rurais das parroquias de Vidal, Valboa, Vilaformán, Sante, e Ría de Abres, beneficiando, directamente, aos 400 veciños que viven nas mesmas. Trátanse dos núcleos de Soutillán, Requeixo, Carballeira, Carreira Chá, Villaouriz, O Pedregal, Vilarbetote, e Vilafernando.

Estas obras supoñen unha inversión de 60.000 euros, dos que o Executivo Provincial investiu 48.000 euros, e o Concello, 12.000 euros. Os traballos consistiron no arranxo do firme, con rego asfáltico, das principais vías de comunicación destes núcleos rurais. Estas estradas dan acceso, principalmente, a vivendas de veciños, así como a dúas casas de turismo rural, polo que, ademais de ser empregadas polos residentes, tamén o fan turistas que se achegan ao Concello de Trabada.

Ademais de arranxar estradas municipais, o Goberno da Deputación está a mellorar 3 quilómetros da LU-P-5204, de Vidal á Regocorto, cun investimento de 136.000 euros. O Presidente e a Alcaldesa supervisaron estes traballos, que están a piques de rematar. Consisten na limpeza de cunetas, rexeneración do pavimento con aglomerado en quente e incremento das medidas de seguridade, habilitando formigón nas curvas, con pouca visibilidade e de menor anchura. Estas actuacións benefician directamente aos 80 veciños que viven na zona, así como aos negocios que se atopan ao pé da vía.

Mellora dunha estrada que discorre por Trabada, Barreiros e Ribadeo

O titular provincial e a rexedora avanzaron que, nas vindeiras semanas, arrancarán novos traballos na vía de “Fórnea, Vidal e Valboa”. Esta estrada transcorre principalmente por Trabada, aínda que hai treitos que discorren por deslindes de Ribadeo e Barreiros. O Goberno da Deputación acordou financiar con 150.000 euros a mellora do firme con rego asfáltico de 7 quilómetros. Estas actuacións, para as que se coordinaron as 4 administracións públicas mencionadas, benefician directamente aos 500 veciños que viven nunha vintena de núcleos rurais nas parroquias de Vidal, Fórnea e Valboa. Trátase dunha estrada moi empregada, pois conecta a zona co Hospital da Costa.

Ao respecto das mellora de infraestruturas en Trabada, o Goberno da Deputación tamén arranxou con outros 150.000 euros a Ponte do Bizarro; infraestrutura que comunica este municipio con Santirso de Abres e coa N-640, sendo moi empregado.

113.000 euros en dotacións públicas

O financiamento do Goberno da Deputación para melloras en dotacións públicas municipais superar os 111.000 euros. Deste xeito, xa se executaron actuacións de rehabilitación da Casa da Cultura, dotadas de 41.000 euros, que achegou na súa totalidade o Goberno da Deputación. Consistiron na mellora dos accesos exteriores e do sistema enerxético, así como na separacións dos locais. Hoxe mesmo, arrincaron os traballo de dotación de 15 novos puntos de luz de baixo consumo no alumeado público da parroquia de Ría de Abres. Estes traballos contan con máis de 20.000 euros do organismo provincial. Permitirán reducir a factura de luz en máis dun 10% ao ano, aforrando estes custos ao Concello. Nas vindeiras semanas, comezarán as obras de substitución da cuberta do pavillón deportivo municipal, que se sitúa no núcleo rural A Igrexa, da parroquia de Sante. O Executivo Provincial achega 40.000 euros e o Concello 2.000. Ademais, durante o verán, arranxarase a traída de auga en Trabadela, na parroquia de Sante, con 10.000 euros da Deputación, beneficiando aos 20 veciños que viven en dita localidade.

Atención a 33 maiores

O Goberno da Deputación atende a 33 maiores de Trabada aos que non ofrece asistencia a Xunta de Galicia. Faino con 22.000 euros, que permiten o funcionamento do Servizo a Domicilio para non dependentes, que o Executivo autonómico deixou de financiar na súa totalidade en 66 Concellos da provincia; así como coa Teleasistencia gratuíta, que o organismo provincial ofrece a todas as persoas con dificultades en canto a súa autonomía, pois a Xunta só atende a aquelas catalogadas como dependentes, obrigándoos, ademais, ao copago. En Trabada, son 28 os maiores que contan co Servizo a Domicilio para non dependentes e 5 co de Teleasistencia gratuíta. O Presidente e a Alcaldesa mantiveron encontros cos usuarios destas prestacións.

4 novos postos de traballo

Son 4 os novos postos de traballo que xerou o Goberno Provincial en Trabada a través do DEPUEMPREGO, o seu plan de emprego nos Concellos de menos de 20.000 habitantes co que reforza as prestacións públicas municipais. Con 42.000 euros, o Executivo da Deputación asume os custos laborais de 1 peón de servizos múltiples, 1 auxiliar administrativo, 1 técnico deportivo e 1 arquitecto técnico. Estes profesionais, que xa están a traballar, reforzan os servizos municipais.

Outras axudas

O Goberno da Deputación colaborou cunha achega de 18.000 euros para a celebración do I Festival interrexional Eo, Eu son Eo, que se celebra en xullo e que conta cun grande potencial turístico, pois reúne a persoas de Galicia e Asturias. O Executivo Provincial achegou 1.200 euros á celebración de actividades lúdico-culturais no municipios, como por exemplo certame de poesía infantil de Nadal. Outros 1.200 euros foron para a adquisición de equipamento informático da aula de novas tecnoloxías da Casa da Cultura do municipio. As asociacións Cultural O Picato e a Asociación Amigos da Malla de Villapena recibiron 1.700 euros para a celebración de actividades culturais durante todo o ano. O municipio mariñán recibiu 1.100 euros para actividades deportivas. O Club de Trabada Futsal, que compite na liga provincial, recibiu 1.200 euros para financiar gastos correntes.

16 de maio de 2017 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.