publicidade hoxe

O delegado territorial da Xunta constata que Moaña non ten novas sobre o convenio bilateral do transporte metropolitano de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMoaña
A-
A+
López-Chaves na reunión coa alcaldesa de Moaña

López-Chaves na reunión coa alcaldesa de Moaña

O delegado territorial da Xunta en Vigo reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Moaña á que lle manifestou a súa preocupación polos 5.000 veciños que están a ser prexudicados ao non adherirse Vigo ao Plan do Transporte Metropolitano nas mesmas condicións cos 12 concellos nos que xa está implantado. Neste senso, Ignacio López-Chaves preguntoulle sobre as novidades respecto o convenio bilateral anunciado polo primeiro edil vigués, Abel Caballero, e constatou que non se produciron novas sobre este asunto.

O representante do Goberno galego na área de Vigo recordou que no caso concreto da localidade “un veciño que empregue o autobús urbano e interurbano deberá abonar dous billetes, mentres que se a cidade de cabeceira entrase no plan o transbordo sería gratuíto e só pagaría un”.

Porén, o transporte metropolitano non foi o único tema abordado coa rexedora á que fixo un repaso das actuacións de competencia autonómica en marcha nestes momentos no municipio pontevedrés ou que lle benefician directa ou indirectamente. Entre elas, citou ao marxe do desdobramento do Corredor do Morrazo, as obras da PO-313 ou as sendas peonís e ciclistas que se contemplan en Moaña e a súa contorna.

Concretamente, respecto ao túnel do Corredor o delegado da Xunta informou de que se está a estudar unha solución técnica e económica e que, de habela, antes de tomar calquera decisión primeiro consultarase cos alcaldes implicados. “De ser posible deberá ser acordada entre todos os rexedores, xa que suporía a interrupción durante meses da vía”, recordou López-Chaves.

Na reunión, convocada pola alcaldesa, tamén se abordou o financiamento do auditorio municipal, comprometido pola Deputación de Pontevedra. Así as cousas, o delegado territorial da Xunta en Vigo salientou que no seu día a Xunta reservou unha partida durante anos para a construción desta infraestrutura, pero que o Concello nunca lle cedeu os terreos para construíla de modo que quedou sen executar.

4 de maio de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.