publicidade hoxe

O conselleiro de Sanidade comproba a efectividade do TELEA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+
Jesús Vázquez na visita ao centro de saúde de Santa Comba

Jesús Vázquez na visita ao centro de saúde de Santa Comba

O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña visitou esta mañá o Centro de Saúde de Santa Comba para coñecer de primeira man o fucionamento do programa TELEA, unha das apostas do Sergas para conseguir unha abordaxe integral da cronicidade na atención primaria grazas ao uso das novas tecnoloxías.

Almuiña destacou que TELEA pasa xa de ser piloto a converterse nunha realidade. Agradeceu aos profesionais do centro o traballo que levan realizado, lembrando que é un proxecto de innovación que permite por en contacto aos equipos de profesionais cos pacientes e que conta co financiamento europeo. Para o conselleiro, esta ferramenta correspóndese cunha nova atención primaria máis personalizada.

TELEA é unha plataforma que permite implantar un modelo de control teleasistido do paciente crónico dende atención primaria. Cada paciente incluído neste programa poderá medir no seu domicilio, de forma regular e autónoma, as súas variables (tensión, glicemia…) e rexistrará os resultados directamente na plataforma. Estas variables aparecerán incluídas na súa historia clínica. O profesional sanitario responsable do seu control poderá visualizar e monitorizar esas constantes e comunicarse co paciente se fose necesario. A comunicación poderá realizarse por vía telefónica, videoconferencia ou mesmo presencialmente. Segundo a situación do paciente, levaranse a cabo as actuacións necesarias para restaurar a normalidade e previr recaídas ou reagudizacións.

Deste xeito, o persoal de enfermería exercerá as funcións de xestores no caso dos pacientes crónicos pluripatolóxicos que están nos seus domicilios. TELEA permitirá tamén que, no caso de pacientes con gran dependencia, sexa o coidador quen poida interactuar e aportar información do paciente aos profesionais sanitarios.

As funcionalidades da plataforma TELEA permiten aos profesionais ter unha actitude proactiva no seguimento do paciente, dando una resposta en tempo en caso de alteración da patoloxía de base e posibilitan establecer niveis de control personalizados en función das necesidades clínicas, sociais ou funcionais de cada paciente. Ademais permite o contacto co paciente no seu propio domicilio, evitando desprazamentos.

Na actualidade TELEA funciona en fase de pilotaxe nos centros de saúde de Santa Comba e Mazaricos con 23 pacientes adscritos. Agárdase que a finais de ano poida estar instalado nos catorce centros previstos.

29 de maio de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.