publicidade hoxe

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” chega ao IES Poio cunha performance da parella artística Lag na que participou todo alumnado da ESO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+

O alumnado da educación secundaria obrigatoria do IES de Poio participou esta mañá nunha performance ofrecida pola parella artística LAG, integrada por Lara Buyo e Ana Corujo, dentro do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que organiza o Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra para concienciar á sociedade sobre as consecuencias do machismo. Na acción estiveron tamén presentes a deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, e o alcalde de Poio, Luciano Sobral.

A performance, titulada “Branco fácil” é unha resposta aos lamentables consellos ás mulleres para non ser violadas que publicou o Ministerio do Interior en 2014, entre os que se atopaban recomendacións como “non pasear soas pola noite, levar un silbato, non poñer o nome no buzón no caso de vivir soas ou correr as cortinas da casa para evitar ser espiadas”. Os consellos, que xa non están colgados na páxina do Ministerio, suscitaron enormes críticas por parte de asociacións feministas, partidos e da sociedade civil en xeral por incidir na culpa das mulleres ante as violacións fronte á impunidade dos agresores.

As artistas, vestidas cuns bodies cunha diana no seu fronte e atadas a unhas porterías, armaron aos e ás participantes con pistolas con pintura branca e convidáronos a dispararlles. Con esta acción Buyo e Corujo quixeron poñer de manifesto, a través do humor ácido, a ironía e o xogo, “o normalizadas que se atopan ás violacións” na nosa sociedade e como as mulleres “seguen a ser un branco fácil” das agresións machistas no noso día a día. Ao remate houbo unha pequena charla para valorar as reaccións dos e das participantes, nas que algún alumno asegurou terse sentido “como un animal” por atacar a persoas inmovilizadas.

Buyo e Corujo forman a parella artística LAG, cun percorrido sempre ligado á temática feminista, e espectáculos onde a ironía e a reivindicación teñen un gran protagonismo. Consideran que a súa arte en parella non é unha dinámica de traballo, senón que é para elas unha forma de definirse.

A iniciativa da Deputación de Pontevedra reúne o traballo de 25 artistas galegas, especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero

Esta edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, que deu comezo de novembro do ano pasado en conmemoración do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, ten previsto recalar ó longo do ano en 25 concellos de toda a provincia (Vigo, Pontevedra, Marín, Tomiño, Cambados, Ponteareas, Nigrán, Vila de Cruces, O Porriño, Cuntis, Bueu, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Poio, O Grove, A Guarda, Baiona, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Cangas, A Estrada, Silleda, Salceda de Caselas, Meaño e Tui).

4 de maio de 2017 | 19:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.