publicidade hoxe

Medio Ambiente rexenerará os hábitats forestais en Cervantes para contribuír á conservación da biodiversidade nos Ancares lucenses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervantesLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio rexenerará os hábitats forestais no concello de Cervantes co obxectivo de contribuír á mellora da biodiversidade na Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá. Deste xeito, o departamento autonómico prevé licitar este ano unha actuación para a que se destinarán 21.000 euros e que permitirá aumentar a calidade dos espazos naturais do municipio lucense incluídos nesta reserva. Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Natural de Galicia, Ana María Díaz, durante a súa comparecencia na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia.

Concretamente, esta actuación consiste na execución de rozas mecanizadas nunha superficie de 29,8 hectáreas para favorecer o desenvolvemento da vexetación arbórea, deixando á parte pequenos bosquetes; e rozas manuais en 3,55 hectáreas. Deste xeito, preténdese garantir a conservación e recuperación da estrutura da vexetación tan característica da zona e tan necesaria para preservar a súa biodiversidade.

Cómpre salientar que o mantemento das estruturas vexetais son imprescindibles para o desenvolvemento e a protección de certas especies como son a perdiz pardilla, a perdiz roxa, a lebre do piornal, e en menor medida o corzo e o recebo; incluso o oso pardo selecciona medios en mosaico que favorecen a súa alimentación en certas épocas do ano.

Deste xeito, dáse continuidade ás actuacións realizadas con anterioridade pola Xunta de Galicia nos espazos contemplados dentro da Reserva da Biosfera dos Ancares lucenses, cuxa xestión corresponde á Deputación de Lugo, pero coa que o Goberno galego contribuíu nos últimos 5 anos cun investimento próximo aos 250.000 euros. Estas iniciativas permitiron o acondicionamento de rutas, a posta en marcha de actividades e servizos de educación ambiental na Aula da Natureza dos Ancares, que se atopa dentro de reserva; e o impulso a numerosos plans e estudos sobre os hábitats de desenvolvemento de especies como o corzo, a capra pyrenaica e o lobo, entre outros.

Rede de reservas da biosfera

Agás dúas reservas que son coxestionadas pola Xunta de Galicia (Eo, Oscos e Terras de Burón e a Reserva do Geres-Xurés), as demais contan con xestores alleos á administración autonómica, que son os que elaboran os seus plans de desenvolvemento, obxectivos e prazos de execución. Así e todo, o Goberno galego está a impulsar diversas actuacións para a valorización dos territorios integrados dentro das reservas da biosfera.

Deste forma, ademais do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que identifica as seis reservas como espazos imán capaces de atraer visitantes cara a outros espazos protexidos; a próxima creación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia permitirá reforzar a súa valorización como elementos que contribúen ao desenvolvemento sostible e ao benestar da poboación.

Neste senso, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio está a traballar no decreto que permitirá a creación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia co fin de impulsar a cooperación entre os distintos espazos, favorecer a cohesión, o intercambio de experiencias e o coñecemento, así como o aproveitamento das sinerxías e a implantación de accións conxuntas.

2 de maio de 2017 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.