Medio Ambiente estudará vías de colaboración co Concello de Moraña para responder ás necesidades de saneamento e rexeneración de espazos públicos
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación Territorial estuda posibles vías de colaboración co Concello de Moraña co fin de ofrecer resposta ás necesidades do municipio en materia de saneamento e acondicionamento de espazos de uso público. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, coñeceu as propostas que neste senso formulou a rexedora local, Luisa Piñeiro, durante un encontro que mantiveron en Santiago de Compostela.
Deste xeito, a titular do departamento autonómico comprometeuse a valorar, xunto co organismo Augas de Galicia, fórmulas para atender e dar prioridade a aquelas actuacións que permitan mellorar a rede local de saneamento, con especial atención á recollida e tratamento das augas residuais.
Ademais, a rexedora local solicitou a colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para o acondicionamento e rexeneración de infraestruturas e espazos públicos que contribuiría á mellora da calidade de vida dos veciños, así como a súa integración.