publicidade hoxe

Marta Míguez: “a representación galega deixará ben altos os pavillóns marinenses da Raña, Sequelo e San Narciso”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMarín
A-
A+
Marta Míguez na presentación do evento deportivo

Marta Míguez na presentación do evento deportivo

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou esta mañá na presentación do XXIII Campionato de España de Clubs de Baloncesto Infantil Femenino que terá lugar entre o 10 e o 17 de xuño na localidade pontevedresa de Marín. A máxima responsable do deporte a nivel autonómico asegurou que “entre os 32 equipos que buscarán alzarse co trofeo de campioas de España, Galicia conta cunha nutrida representación que deixará ben altos os pavillóns de A Raña, Sequelo e San Narciso”.

Na súa intervención, Marta Míguez falou da historia do baloncesto feminino e dixo que “se hoxe estamos en Marín presentando este Campionato de España de Clubs de Baloncesto Infantil Feminino 2017 debémosllo en parte a esas loitadoras que puxeron as primeiras pedras do que hoxe é un deporte de masas”. Deste xeito, a secretaria xeral reivindicou o baloncesto como “unha completa experiencia educativa” e destacou o programa Xogade da Xunta de Galicia como “a mellor ferramenta para acadar esa xuventude activa e chea de hábitos saudables que afaste as posibilidades de enfermidades provocadas polo sedentarismo”.

No acto que tivo lugar no salón de actos do Colexio da Inmaculada, Marta Míguez mandou “todos os nosos folgos durante estes sete días de competición que converterán a Marín no epicentro do deporte base nacional”. Así tamén felicitou o traballo do Club Baloncesto Peixefresco Marín na súa canteira feminina “que se ve recompensado con eventos como este Campionato de España”.

Os 32 equipos participantes no torneo dividiranse en 8 grupos de 4 equipos. Tras unha primeira fase regular, do 14 ao 17 de xuño celebrarase a fase final entre os dous primeiros clasificados de cada grupo. Galicia estará representada polo Celta Zorka e o Colexio Mariano de Vigo así como o Rosalía Pío XII de Santiago.

30 de maio de 2017 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.