publicidade hoxe

Licitada a redacción dos proxectos de construción de 12 sendas peonís e ciclistas na comarca de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Francisco Menéndez e Marisol Díaz na reunión con José Araújo

Francisco Menéndez e Marisol Díaz na reunión con José Araújo

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, mantivo hoxe unha reunión co concelleiro de Infraestruturas e Medio Ambiente, José Araújo, na que lles trasladou que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a licitación da redacción do proxecto de construción das sendas peonís e ciclistas na comarca de Ourense.

O contrato, cun prazo de execución de 12 meses, consta dun orzamento de preto de 227.000 euros. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: goo.gl/756WN8

Francisco Menéndez explicou que a Xunta agarda que os primeiros proxectos estean redactados a finais deste ano ou principios do vindeiro, de xeito que se poida iniciar en 2018 a licitación dos contratos das obras, que serán cofinanciadas con Fondos FEDER 14/20.

Estas actuacións están enmarcadas no Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ourense, onde se executarán 13 novas sendas, que suman 16 km e un investimento de máis de 2,6 millóns de euros. Neste sentido, o director indicou que se redactarán 6 proxectos mediante os que se desenvolverán 12 das 13 sendas seleccionadas no estudio, xa que unha xa se executou a finais de 2016 na estrada OU-402, en Freixendo, no Concello de Toén. A continuación, os proxectos a redactar:

• Itinerario peonil e ciclista na OU-537, treito: Parques empresariais (Pq..0+000-2+030), e na OU-536, treito: A Derrasa (Pq. 7+180-7+940), nos Concellos de San Cibrao e Pereiro de Aguiar.
• Itinerario peonil e ciclista na OU-402. Treito: Reza. Pq.1+090-3+780, no Concello de Ourense.
• Itinerario peonil e ciclista na OU-105, treito: A Ponte Sevilla (Pq.0+000-0+850), na OU-536, treito: Rabaza (Pq.0+790-2+320) e na Avenida de Ponferrada (Pq. 0+000-1+140), no Concello de Ourense.
• Itinerario peonil e ciclista na OU-101. Treitos: A Medorra (Pq.7+750-9+420) e Paiseo (Pq. 13+780-14+230), nos Concellos de San Cibrao e Paderne de Allariz.
• Itinerario peonil e ciclista na OU-101, treito: Montealegre (Pq. 1+100-1+680) e na OU-150, treito: Valdorregueiro (Pq. 0+000-1+000), no Concello de Ourense.
• Itinerario peonil e ciclista na OU-536. Treitos: As Vendas (Pq.11+890-12+810) e Santa Baia (Pq. 9+100-11+120), no Concellos de Pereiro, Esgos e Paderne de Allariz.

Plan de Sendas de Galicia

Estas actuacións presentadas hoxe en Ourense forman parte do Plan de Sendas de Galicia, na súa segunda fase. Cabe salientar que entre a 1ª e a 2ª fase do plan, desde a Xunta estase a impulsar a construción de 95 novas sendas, case 125 novos km de itinerarios peonís e ciclistas en 11 comarcas de Galicia, que suporán un investimento de preto de 37 millóns de euros.

Con estas actuacións búscase protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Na Xunta, trabállase para reforzar a seguridade das estradas, unha materia absolutamente prioritaria para o Executivo autonómico, porque se trata da vida e da integridade das persoas.

As sendas tamén promoven unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro, promovendo sendas útiles e saudables.

3 de maio de 2017 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.