Jesús Gamallo defende en Bruxelas que a futura PAC contribúa a revitalizar as zonas rurais galegas
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (UE), Jesús Gamallo, defendeu hoxe no marco da Comisión de Recursos Naturais do Comité das Rexións (CdR) que a futura PAC ten que contribuír a revitalizar as zonas rurais.
Hoxe celebrouse a reunión conxunta coa asociación internacional Rurality-Environment-Development sobre a política rural posterior ao ano 2020. O debate contou coa participación de representantes da Comisión Europea, do Consello e do Parlamento Europeo, que trataron sobre como mellorar a política rural da década que vén, especialmente da PAC. As preocupacións da nosa Comunidade foron expostas por Jesús Gamallo, que manifestou que para Galicia é imprescindible manter os dous alicerces da PAC actual (pagos directos e desenvolvemento rural).
As zonas rurais representan o 97,8% do territorio galego. Galicia caracterízase polo predominio do vacún, especialmente do sector do leite, que supón máis do 50% das explotacións da Comunidade e que dependen en gran medida das axudas para ser sostibles. A solución pasa por apoiar ás explotacións agrarias e diversificar a actividade económica, en aras de aumentar as posibilidades de emprego nas zonas rurais. Na mellora desta situación a PAC desempeñou xa un papel fundamental, por iso é polo que é necesario que siga contribuíndo no futuro á consecución do obxectivo de equiparar as rendas rurais e urbanas.
Neste sentido, a Xunta elaborou unha proposta de 20 medidas que Galicia entende que deberían incluírse na reforma que se está a xestar, baixo o título 20 medidas despois do 20. Entre elas, destacan garantir unha renda digna para os agricultores, contribuír a reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, potenciar axudas aos agricultores realmente activos, simplificar os procedementos da PAC e impulsar a agricultura ecolóxica como sistema de produción de alimentos. As peticións galegas coinciden coa posición común española acordada na Conferencia Sectorial de Agricultura do pasado 24 de abril.











