publicidade hoxe

Invístense 365.000 euros na reparación dos danos provocados polo temporal no peirao de Corme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+
Rosa Quintana na visita aos traballos no peirao de Corme

Rosa Quintana na visita aos traballos no peirao de Corme

A Consellería do Mar vén de investir 365.000 euros na reparación dos danos provocados no porto de Corme, no municipio coruñés de Ponteceso, polo temporal da primeira fin de semana de febreiro. A titular do departamento da Xunta, Rosa Quintana, visitou esta mañá os traballos, acompañada polo presidente de Portos de Galicia.

A actuación de reparación dos danos veuse realizando durante os últimos dous meses, logo de que as obras fosen tramitadas por procedemento de emerxencia ante a urxencia da actuación para minimizar situacións de risco para os usuarios do porto e ao global da cidadanía. Os traballos céntranse na reparación da escolleira e dique de abrigo do porto cormelán, que sufriran derrubes parciais debido ao impacto das ondas.

As obras consisten fundamentalmente na reparación e reforzo do dique, mediante bloques de formigón de 15 toneladas e escolleiras de pedra natural de 12 toneladas. Estas pezas están a ser colocadas estes días por medio dunha grúa para a reconstrución do espaldón do dique. Os bloques foron fabricados fóra do porto e coa súa colocación no peirao durante esta semana quedarán rematadas as obras.

Durante a súa visita, Quintana explicou que os traballos devolverán a estrutura danada ás súas condicións habituais, dotando a seguridade e operatividade ao porto. Engadiu tamén que esta é unha das obras máis destacadas, xunto coa do porto da Guarda, das requiridas tralos danos do temporal e que supuxeron un investimento total de 1,4 millóns de euros.

3 de maio de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.