publicidade hoxe

Ferrolterra será protagonista mundial das carreiras de aventura co Raid Gallaecia 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes PortadaFerrol
A-
A+

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a presentación do Raid Gallaecia 2017, unha competición incluida no calendario da Copa do Mundo de carreiras de aventura que se desenvolverá entre o 7 e o 14 de maio en catorce concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

Durante seis xornadas, máis dun centenar de deportistas de 18 nacionalidades diferentes, repartidos en 34 equipos, participarán nesta proba, a cuarta das oito que compoñen as series mundiais do Raid de Aventura, que xa pasou por Nueva Zelanda, Paraguay e Ecuador e que recalará na provincia da Coruña para continuar despois en Francia, a segunda parada europea do mundial.

O evento foi presentado hoxe polo deputado responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, José García Liñares, os deputados provinciais e alcaldes de Ortigueira e Pontedeume, Juan Penabad e Bernardo Fernández, o delegado de Deportes da Xunta na Coruña, Roberto García, o director de markéting de Gadis, Antonio Cortés, o presidente da Federación Galega de Orientación, Tito Arufe, e o director da carreira, Pablo López Franco, que destacou o alto nivel dos equipos e a dureza dunha proba na que os participantes terán que percorrer máis de 500 quilómetros durante seis xornadas en etapas de trekking, de ciclismo de montaña, de kayak e barranquismo, nunha competición en formato non-stop (sen descansos) que pon a proba, ademáis da forma física, a súa capacidade de resitencia e orientación.

Catorce concellos da comarca

O itinerario previsto partirá de As Pontes o domingo día 7 e percorrerá os concellos de A Capela, As Somozas, Ortigueira, Mañón, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Narón, Neda, Fene, Pontedume, Cabanas e Ares. Está previsto que os primeiros equipos cheguen á meta arredor do mediodía do xoves 11 tras percorrer centos de quilómetros que atravesarán enclaves de referencia da comarca como as Fragas do Eume, Estaca de Bares, a costa Ártabra ou a ría de Ares. Dous días despois, o sábado 13, terá lugar o peche de meta e a entrega de premios aos gañadores da proba.

“Queremos felicitar á organización pola zona elixida para celebrar esta proba mundial, pois entendemos que contribuirá a dar a coñecer en todo o mundo a inmensa riqueza natural e paisaxística dos concellos da zona norte da provincia”, afirmou o responsable de Deportes da Deputación da Coruña, José García Liñares, que destacou que a institución provincial apoia tamén a deportes como as carreiras de orientación “que non son aínda moi coñecidos, pero reúnen valores principais do deporte como o traballo en equipo, o sacrificio, o esforzo, a ilusión e a paixón”.

Neste sentido pronunciouse tamén o presidente da Federación Galega de Orientación (Fegado), Tito Arufe, que apuntou que “Galicia é top en carreiras de orientación en España”, con máis de 700 deportistas federados na actualidade e, coa celebración desta proba, “será número un no mundo a vindeira semana”.
O presidente da Fegado destacou que os equipos están constituidos por homes e mulleres “que durante cinco días terán a oportunidade de practicar deporte e descubrir ao mesmo tempo o espectacular que é o norte da provincia da Coruña”.

Pola súa banda, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, que falou en nome dos catorce municipios polos que discorrerá a carreira, considerou “un orgullo para comarca acoller unha proba deportiva de primeiro nivel que será ademáis un execelente escaparate para mostrar ao mundo todo o que temos que ofrecer”.
Seguimento en directo por internet

O director da carreira, Pablo López, destacou que os afeccionados van a poder seguir en directo a proba por internet a través da aplicación Track The Race
(https://tracktherace.com/es/raid-gallaecia-2017-arws/countdown) que ademáis de permitir ver en todo momento a ubicación exacta dos equipos e as súas evolucións, ofrece a posibilidade de interactuar con eles ou deixarlles mensaxes de ánimo.

Ademáis, por primeira vez, algúns corredores portarán cámaras que emitirán imaxes en directo, permitindo un completo seguemento da competición.

3 de maio de 2017 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.