publicidade hoxe

Conta atrás para o proxecto da piscina de Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra asinou hoxe a adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución das obras relativas á substitución da cuberta e á actualización das instalacións da piscina climatizada do complexo polideportivo do Pombal, en Cambados. Deste xeito, o Goberno da institución provincial inicia a conta atrás para que a veciñanza de Cambados poida volver facer uso destas instalacións, confirmando do mesmo xeito o seu compromiso total e absoluto cun proxecto prioritario para O Salnés.

Por un importe de 21.586,40 euros (IVE engadido), a empresa adxudicataria do proxecto foi “Naos 04 Arquitectos, S.L.P.”, que se compromete a redactalo nun prazo máximo de tres meses. Malia a iso, o Goberno de Carmela Silva está a traballar arreo para que se reduzan os prazos na medida do posible, garantindo non só que os veciños e as veciñas de Cambados poidan volver dispor destas instalacións no menor tempo posible senón tamén a calidade dos traballos.

Antes da adxudicación deste contrato, a Deputación xa elaborou o estudo xeotécnico, avanzando coas tramitacións pertinentes coa máxima celeridade. Ademais, dende o momento no que a empresa entregue o proxecto básico e de execución da obra e se lle dea o visto bo, o goberno provincial sacarao a licitación. Unha vez que comecen as obras, os usuarios e usuarias da piscina de Cambados poderán empregar a de Vilagarcía de Arousa, xa que a empresa encargada da súa xestión é a mesma.

A finais de 2016, a Deputación de Pontevedra tivo que rescindir o contrato da obra ante a serie de deficiencias que presentaba o proxecto herdado do Goberno anterior da institución provincial. Aquel primeiro proxecto non solucionaba os problemas que presentaba o espazo, na cuberta da piscina e tamén noutras estancias como os vestiarios, nin tampouco se axustaba á normativa.

30 de maio de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.