Balseiro visita a mesa de Cruz Vermella que informa sobre o programa de acollemento no Día da Familia

José Manuel Balseiro na visita á mesa da Cruz Vermella
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá a mesa informativa instalada ante a fachada da sede da administración autonómica nesta provincia con motivo do Día da Familia. Balseiro saudou e agradeceu a tarefa dos voluntarios que atendían esta mesa nunha xornada dedicada en informar ao cidadán sobre o programa de acollemento familiar. De feito, o delegado animou a obter máis información a través do teléfono gratuíto 900 812 880 ou na web www.acollementofamiliar.org
A ONG difunde e sensibiliza sobre o importante labor dos acollementos, un “modelo de familia alternativa para menores en situación de risco”. Quen participa neste programa acolle temporalmente na súa casa a menores de idade que durante un tempo non poden vivir cos seus pais e nais, nin con ningún outro familiar. Trátase dun acto solidario e unha alternativa á súa estancia nun centro de protección. Esta é a esencia do programa Familias Acolledoras que xestiona a Cruz Vermella en colaboración coa Xunta de Galicia.











