Augas de Galicia executou traballos de conservación das marxes dos ríos Sar e Sarela, en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través de Augas de Galicia, realizou os traballos de mantemento e conservación das marxes dos ríos Sar e Sarela, en Santiago de Compostela. Estas actuacións, na que se investiron preto de 4500 euros, consistiron na roza de restos vexetais e polas caídas sobre a canle, así como restos de árbores na zona do paseo. Os traballos, que se realizaron ao longo deste mes de maio, executáronse de forma puntual ao longo do treito do río Sarela, que discorre pola parroquia de San Paio, no lugar de Chouciños; e nun tramo do Sar que pasa pola parroquia de San Martiño, no lugar de Laraño.

En concreto, a Administración hidráulica de Galicia destinou preto de 1000 euros aos traballos de recuperación e mantemento dos ecosistemas de ribeira no treito previsto do Río Sarela e case 4.500 euros aos labores de retirada de natureza morta da canle do río Sar co fin de evitar posibles atascos. Tamén, neste caso, se realizaron rozas puntuais para acondicionar os accesos ao río.

Con estas actuacións, Augas de Galicia pretende mellorar os espazos de dominio público, as zonas de acceso e a protección das marxes dos ríos nas bacías da conca Galicia-Costa. A importancia destes traballos radica na prevención, mantemento e conservación dos espazos naturais de ribeira co fin de garantir o equilibrio dos ecosistemas e a calidade dos recursos hídricos de Galicia.

29 de maio de 2017 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.