publicidade hoxe

As obras da nova depuradora e da rede de colectores de Cabanas comezarán a mediados de maio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar (http://bit.ly/2pIO6x6) o anuncio polo que se formaliza a adxudicación do contrato de obra para a construción dunha nova depuradora e dunha rede de colectores no Concello de Cabanas.

Auga de Galicia adxudicou este contrato de obra hidráulica á empresa Construcións Ramón Vázquez e Reino SL, por un importe de máis de 180.000 euros, que mellorará a capacidade de saneamento de varios núcleos rurais do Concello de Cabanas e cuxas obras comezarán a mediados deste mes de maio.

A finalidade desta actuación é ofrecer un novo servizo de saneamento as vivendas que se sitúan na aldea de Lavandeira. Ademais, realizaranse as obras necesarias para posibilitar a futura conexión á rede de saneamento das vivendas dos lugares de Porcar, Piñeiros, Ameneiros, Horta e Someiro. Para conseguilo, construirase unha nova EDAR que garanta unha depuración suficiente previa a vertedura; e executarase unha rede de colectores para levar as augas residuais a esta nova depuradora. Os traballos darán servizo a máis de 120 habitantes equivalentes.

Este esforzo do Goberno galego súmase aos preto de 1,8 millóns de euros que o departamento autonómico xa ten investido en actuación hidráulicas en Cabanas desde 2009. En concreto, destináronse 1,58 millóns á dotación de abastecemento no polígono industrial de Vilar do Colo, e 200.000 euros para os lugares de Rego e Chao de Aldea.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinálase que este tipo de actuacións son unha mostra da firme aposta do Goberno galego a prol do abastecemento e saneamento, un compromiso que ten dado como resultado unha mellora da calidade das augas en toda Galicia.

4 de maio de 2017 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.