publicidade hoxe

A Xunta saca a licitación a senda peonil que unirá os concellos de Ares e Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresLocal PortadaMugardos
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, deu a coñecer esta mañá o proxecto de construción de senda peonil entre Ares e Mugardos, que suporá unha inversión de preto de 1,5 millóns de euros na seguridade viaria e a calidade ambiental e de vida dos veciños da zona. O acto de presentación desenvolveuse no CEIP Unión Mugardesa, un dos dous centros escolares aos que acceden camiñando a diario centos de rapaces e polos que pasa esta senda.

O proxecto comeza á súa licitación coa publicación hoxe mesmo no DOG do anuncio, co que se abre un prazo a partires de mañá de 26 días hábiles para os interesados. A actuación consiste nun tramo de senda peonil de preto de 3,7 quilómetros, na marxe esquerda da estrada AC-130. Para elo auméntanse os anchos da calzada mediante a ampliación e redistribución da plataforma actual. Ademais, inclúense diversas actuacións, entre elas, a mellora da intersección existente na AC-130 coa avenida do Mazote e a estrada DP-0402, na entrada da zona urbana de Ares, coa implantación dunha glorieta. Tamén está prevista a mellora da curva situada entre os quilómetros 2,6 e 2,8, aumentando o seu radio en planta.

Habilitaranse, así mesmo, dúas paradas de bus, unha en Mugardos e outra en Ares, e disporanse pasos peonís nas zonas de cruce da calzada situadas nas proximidades dos dous colexios, na avenida do Mazote e na zona de esparexemento de Fontelide, en Ares. Proxéctase tamén unha pasarela de madeira para dar continuidade á senda sobre o Rego do Cacho. Os traballos complétanse coa obras de drenaxe, sinalización vertical e horizontal, reposición de varandas, proteccións peonís e balizamento.

O delegado territorial na Coruña destacou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a promover sendas útiles, sostibles e saudables para que os veciños poidan empregar as estradas de xeito seguro e accesible, ao tempo que mellora a seguridade de todos os usuarios da vía. O Plan de Sendas de Galicia, cofinanciado polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo fundamental de favorecer unha mobilidade segura e sustentable, concreta a construción de 170 novos quilómetros de itinerarios peonís. O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, destinará este ano un total de 10,5 millóns de euros ao Plan, que xa dispón de 40 proxectos aprobados.

5 de maio de 2017 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.