publicidade hoxe

A Xunta ofrece a súa colaboración ao Concello de Santa Comba para un programa de dinamización para o colectivo de maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSanta Comba
A-
A+
Reunión de José Manuel Rey Varela coa alcaldesa de Santa Comba

Reunión de José Manuel Rey Varela coa alcaldesa de Santa Comba

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, continúa a manter encontros periódicos cos rexedores e rexedoras de Galicia para avanzar, desde o consenso e a colaboración, nas liñas de actuación en materia social encamiñadas a atender ás persoas e familias máis vulnerables e que máis precisan da axuda das administracións públicas. Na xornada de hoxe Rey Varela entrevistouse no seu despacho de San Caetano coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose Rodríguez, con quen abordou asuntos de índole social que afectan a esta localidade coruñesa.

Neste sentido, ambos mandatarios abordaron a posibilidade de colaborar de xeito conxunto na realización dun programa de dinamización para o colectivo de maiores. “Debemos promover e facilitar que os nosos maiores manteñan un estilo de vida activo a través de actividades orientadas a manter e potenciar as súas capacidades intelectuais, físicas e creativas”, explicou o conselleiro durante o encontro.

Por outra banda, o responsable da área social do Goberno galego informou do incremento de 1251 horas ao mes na prestación de SAF Dependencia para sumar un total de 34.008 horas anuais de servizo. “O obxectivo é conseguir todas as melloras posibles na calidade de vida das familias e das persoas dependentes, para o que continuamos a incorporar de maneira progresiva a máis persoas aos diferentes servizos que integran o sistema autonómico de atención”, indicou Rey Varela.

O conselleiro e a primeira edil, abordaron tamén outros temas de índole social para conseguir coordinar unha estratexia a nivel autonómico e local que supoña unha mellor optimización dos recursos dos que dispoñen as administracións coa finalidade de acadar todas as melloras posibles na calidade de vida dos galegos e galegas. 

29 de maio de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.