publicidade hoxe

A Xunta completa a reforma integral da escola infantil do Grove tras investir 500.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+
José Manuel Rey Varela na visita á escola infantil do Grove

José Manuel Rey Varela na visita á escola infantil do Grove

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, comprobou hoxe o resultado das obras de mellora levadas a cabo na escola infantil do Grove, nas que se investiron máis de 500.000 euros e que na práctica supuxeron a reforma integral deste centro que dá servizo ás familias de 74 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos de idade. “A Xunta ten como obxectivo que as os centros destinados á infancia sexan as mellores instalacións posibles”, sinalou o conselleiro tras percorrer o equipamento en compañía do xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e de persoal da escola.

Os traballos consistiron na reposición completa da cuberta, o cambio de todo o frontal do edificio con instalación de carpintería de aluminio en cada aula, a creación dun novo espazo de usos múltiples do que carecía a escola, a instalación dun teito na entrada para facilitar a chegada e saída dos pais e nais e o acondicionamento das aulas. A pesares da complexidade da actuación esta se puido executar en soamente seis meses, aproveitando ademais o período de verán e as vacacións do alumnado para reducir ao máximo os días de peche do centro e avanzar máis rápido no seu desenvolvemento.

Rey Varela reiterou o compromiso do Goberno galego en mellorar as escolas, puntos de atención á infancia e demais infraestruturas dirixidas aos nenos e nenas. De feito, a Administración autonómica puxo en marcha o ano pasado unha liña extraordinaria de axudas para financiar obras de reforma e adecuación destes equipamentos, especialmente en concellos rurais e de menor poboación. A maiores destas subvencións, a Xunta acometeu intervencións mais amplas como a feita nesta escola do Grove.

O titular de Política Social indicou que a Xunta continuará a ampliar a oferta de prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos porque “son un piar fundamental para a conciliación e porque tamén son un recurso moi importante dende o punto de vista educativo”. Ao respecto, avanzou que nos vindeiros días se coñecerá a lista provisional de admitidos nas máis de 22.400 prazas públicas ou financiadas con fondos públicos que oferta a rede autonómica para o curso 2017-2018, e que sitúan a ratio de cobertura na comunidade nun 38%. Isto é, catro puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

Tamén proximamente abrirase o prazo da nova convocatoria do Bono Concilia, axuda directa ás familias que ten por obxecto contribuír a sufragar o custo dunha praza en escolas privadas a aquelas que non obtiveran praza nun centro con financiamento público ou que residan en concellos onde non hai un recurso deste tipo sostido con fondos públicos. “A finalidade é conseguir que todos os pais e nais que soliciten unha praza para a atención dos seus fillos a obteñan e que, ao igual que o curso pasado, non exista lista de espera”, apuntou o conselleiro.

A Consellería de Política Social destina máis de 3,4 millóns de euros a esta nova edición do programa Bono Concilia, do que se beneficiaron o ano pasado máis de 2.500 familias galegas que recibiron unha achega que oscilou entre os 45 euros mensuais para as rendas máis altas e os 250 euros para as máis baixas.

Ademais, a convocatoria deste ano presenta importantes novidades na procura de chegar a un maior número de beneficiarios. Entre outras: habilítase a posibilidade de conceder a achega a nenos con necesidades específicas de apoio educativo que superen a idade máxima regulamentaria, ábrese a todas as familias nas que se produza un nacemento, acollemento ou adopción con posterioridade ao prazo de presentación das solicitudes e por primeira vez contémplase tamén o cambio de concello, de residencia ou de traballo da unidade familiar. Así mesmo, mantense a posibilidade de que opten ao Bono Concilia aquelas familias nas que as dúas persoas proxenitoras traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas e que con dereito a praza pública esta non lles resolva as súas demandas de horario.

O conselleiro manifestou que “ademais de seguir consolidando o xa feito, imos a reforzar as políticas sociais dirixidas a conciliación e a atención á primeira infancia”. Neste sentido, insistiu en que os obxectivos desta lexislatura pasan incrementar en dous puntos máis a ratio de cobertura en escolas infantís ata chegar ao 40% e por consolidar iniciativas como as Casas Niño, a apertura de escolas infantís en contornos empresariais ou o novo Bono Coidado. “Queremos que Galicia siga sendo unha das comunidades con maiores atencións ás familias e á infancia”, concluíu.

8 de maio de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.