publicidade hoxe

A Xunta colabora con Aldeas Infantiles para o acollemento en familia extensa de menores en situación de risco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareas
A-
A+
Rey Varela na sinatura do convenio con Aldeas Infantiles SOS Galicia

Rey Varela na sinatura do convenio con Aldeas Infantiles SOS Galicia

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, renovou hoxe, no Día Internacional da Familia, a colaboración da Xunta de Galicia co programa de apoio ao acollemento en familia extensa de Aldeas Infantiles SOS Galicia a través da sinatura dun convenio.

Este programa facilita apoio aos procesos de acollemento familiar de menores en situación de risco ou desamparo por membros da súa propia familia. Trátase dunha modalidade de protección á infancia que permite que familiares se fagan cargo, temporalmente, dos nenos e as nenas cando se ve impedida a convivencia cos seus pais por diferentes causas. Deste xeito, “garántese o mantemento dos menores no seu entorno emocional e social, favorecendo a posible integración coa súa familia de orixe”, explicou Rey Varela.

Este programa proporciona ademais unha atención especializada adaptada ás necesidades das persoas acollidas, das persoas acolledoras e dos proxenitores, por medio de actuacións de asesoramento e orientación en tarefas parentais e coidado dos menores, intervención psicosocial e actuacións de mediación nas relacións familiares e apoio educativo ás familias a través de sesións formativas. “É moi importante que as familias saiban que contan co máximo apoio, tanto por parte da Xunta, como de Aldeas Infantiles”, insistiu o conselleiro.

O programa beneficia a todos os menores de entre 0 e 17 anos en situación de risco ou desamparo, nos que a medida máis efectiva sexa o acollemento familiar.

O orzamento total desta acción ascende a 328.358,55 euros, dos que a Consellería de Política Social achega para o ano 2017 173.353,44 euros (o que supón un incremento do 14% con respecto ao 2016) e Aldeas Infantiles SOS de Galicia aporta 151.679 euros. Grazas a este investimento, atenderanse 100 casos en Galicia a través de tres equipos: o norte, para as zonas norte e centro da Coruña e Lugo que atenderá 38 casos; o centro para o sur da Coruña, norte de Pontevedra e norte de Ourense, que se fará cargo de 24 casos; e o sur para as zonas sur de Pontevedra e Ourense que atenderá 38 casos.

O convenio terá vixencia desde a hoxe ata o 31 de decembro de 2017. Non obstante abranguerá as accións obxecto deste convenio que se realicen por parte de Aldeas Infantiles SOS Galicia desde o 1 de xaneiro de 2017.

Desde o ano 2010, Aldeas Infantiles desenvolvía un programa de apoio a familias acolledoras extensas na provincia de Pontevedra. En 2013, a Xunta de Galicia asinou un convenio de colaboración con esta entidade para o financiamento deste programa por un importe de 30.000 euros. O éxito da intervención realizada fixo conveniente a súa ampliación a toda a comunidade autónoma incrementando no 2014 o orzamento destinado a esta actuación ata o 107.140,75 euros. Os datos obtidos nestes anos de traballo reflicten a utilidade que reporta o programa en canto á diminución do estrés familiar e a súa clara repercusión no benestar do menor.

De acordo coa filosofía do sistema de protección á infancia, a nosa comunidade autónoma mantén unha maioría de medidas encadradas no eido familiar, de tal xeito que do total de menores tutelados e en garda da Xunta de Galicia, o 65% atópase en acollemento familiar. A maior abundamento, o recurso de acollemento en familia extensa representa o 82% dos acollementos familiares, sendo como xa se explicou na maioría dos casos o recuso máis idóneo na medida que mantén aos menores no seu entorno socioeducativo e emocional.

15 de maio de 2017 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.