publicidade hoxe

A Xunta cede ao GES de Mugardos unha motobomba forestal para substituir á que ardeu nun incendio en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMugardos
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, anunciou esta mañá que o Goberno galego, a través da Consellería do Medio Rural, ven de pór a disposición do Concello de Mugardos un vehículo motobomba forestal para substituír de xeito inmediato ao que resultou calcinado a pasado día 22 de abril durante a extinción dun lume na parroquia de Mandiá, en Ferrol.

O camión, adscrito ao parque móbil da Consellería, cédese ao Concello de Mugardos, para o seu uso por parte do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES), sen custe algún para as arcas municipais e por un período indefinido, ate que sexa posible repoñer o vehículo danado hai dez días. Namentres, dependerá do Concello de Mugardos e estará á súa disposición unha vez finalicen os trámites administrativos necesarios.

O vehículo cedido ao Concello de Mugardos será da mesma marca e modelo que a motobomba calcinada, unha Mercedes Atego do ano 2008, pero dotado de tracción total, prestación da que carecía a motobomba municipal. Ademais, dispón dunha capacidade no depósito de auga de 4.500 litros, preto do dobre da motobomba sinistrada en Mandiá.

Na xuntanza coa alcaldesa e os portavoces, Ovidio Rodeiro comprometeuse, ademais, a completar todo o material do que dispoña actualmente a Consellería do Medio Rural e que poda necesitar o GES para manter o seu traballo. Neste sentido, nos vindeiros días o concello recibirá traxes especiais para combater a vespa velutina e as lanzas correspondentes, así como novos equipos de comunicacións.

O delegado territorial destacou o compromiso “total e inmediato” da Xunta de Galicia co Grupo de Emerxencia Supramunicipal de Mugardos, e pediulle á alcaldesa que lles trasladase aos traballadores o seu agradecemento pola labor desenvolvida. Lembrou que a Lei reguladora das bases do réxime local establece como competencia propia das deputacións a prestación de servizos públicos de carácter supramunicipal e, en particular, a os de prevención e extinción de incendios nos municipios de menos de 20.000 habitantes. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, sinalou que nos vindeiros días está previsto un encontro con presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para pedirlle que a administración que preside contribúa a paliar os danos provocados polo accidente.

2 de maio de 2017 | 19:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.