A Deputación licita por 1.343.500 euros varias obras de conservación da rede de estradas da Coruña
A Deputación da Coruña destina máis de 1.343.500 euros para realizar traballos de reparación, mantemento, mellora do firme e reparación de fochancas en varias estradas de titularidade provincial. Este investimento enmárcase no Plan de conservación de vías provinciais, que pretende mellorar a seguridade viaria e reducir a sinistralidade nos máis de 2.000 quilómetros de estradas dependentes da Deputación.
O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación destas obras, que inclúen a mellora da capa de rodaxe con mestura bituminosa na DP1912 de Coristanco a Rus, nun tramo de preto de 6 quilómetros entre os concellos de Coristanco e Carballo. Estes traballos contan cun orzamento de 339.832,70 euros e terán unha duración aproximada de 4 meses.
Así mesmo, a Deputación destina 253,733,81 euros ao reforzo do firme da DP5903 de Ordes a Portomouro, ao seu paso polo termo municipal de Trazo, e outros 339.073,59 euros para acometer traballos similares na DP4604 de Melide ás Pías por Toques. Estas obras terán unha duración estimada en 3 e 2 meses respectivamente.
Doutra banda, aplicarase microaglomerado en frío para mellorar as condicións da DP4401 de Ortigueira e ás Pontes ao Barqueiro, nun tramo de máis de 14 quilómetros que discorre polo concello de Mañón. Esta actuación conta cun presuposto de licitación de preto de 320.000 euros.
Por último, a Deputación financia con 90.051,33 euros o ensanche e a mellora da seguridade viaria na DP9001 de Présaras ao Carregal e ao lugar de Vilariño, no Concello de Vilasantar.
A estas obras de reparación das estradas hai que sumarlles os preto de 4 millóns de euros que a Deputación destina á realización de labores de limpeza nas estradas provinciais no período 2017-2018, o que contribuirá a mellorar e axilizar este servizo, que inclúe a limpeza de herbas e maleza de todas as estradas provinciais para facilitar a visibilidade da circulación, evitar a propagación de incendios e mellorar o drenaxe en caso de choiva.











