publicidade hoxe

A Deputación investiu máis de 1,5 millóns de euros para mellorar as infraestruturas de Mugardos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMugardos
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Mugardos, onde foi recibido pola alcaldesa, Pilar Díaz, e membros da corporación local.

Formoso destacou a importancia do apoio económico da Deputación “clave para a mellora das infraestruturas e dos servizos municipais dos pequenos municipios” e subliñou que o actual goberno provincial “investiu máis de 1,5 millóns de euros en obras e dotacións que contribúen á mellora da calidade de vida dos mugardeses e mugardesas”.

Neste sentido, González Formoso lembrou que a Deputación financiou diversas obras no polideportivo municipal, coma a substitución do chan da instalación, melloras na accesibilidade e medidas de protección contra incendios; que continuarán próximamente coa renovación dos baños, vestiarios e a cuberta do patio exterior do recinto. Así mesmo, a través de plans provinciais coma o PAS, que deixou máis de 196.000 euros no municipio, financiánse as actuacións de mellora nos parques infantís de San Xoán, O Penso e A Pedreira.

O Plan Único seguirá mellorando infraestruturas

Este ano, a través do novo Plan Único, a Deputación destina 446.719 euros ao municipio, dos que 317.000 se destinarán a investimentos como a dotación de vestiarios accesibles para o campo municipal de A Pedreira, cuxo perímetro está sendo acondicionado tamén pola institución provincial cunha achega de 150.000 euros, ou a reparación das humidades e pintado da fachada exterior do CEIP Unión Mugardesa, ademáis doutros proxectos para renovar servizos e repavimentar diversas vías e beirarrúas en Lousido e nas avenidas de Galicia e Bello Piñeiro.

O presidente provincial tamén destacou a “aposta polo emprego” do goberno provincial, que se materializa a través do novo Plan de Emprego Local (PEL). Neste ámbito, a Deputación cuadriplicou o seu investimento anual no municipio, pasando de contar cunha achega de 11.400 euros no 2015 a unha dotación de 43.000 euros no ano 2016 e 46.000 en 2017, que se dedican integramente á creación de emprego no municipio.

Reinvestimento de máis de 200 millóns superávit dos concellos

O presidente da Deputación considerou de “vital importancia” que o goberno permita aos concellos e ás deputacións “reinvestir o seu superávit co obxecto de favorecer a creación de emprego e mellorar os servizos municipais naqueles concellos saneados economicamente”.

Neste sentido, González Formoso manifestou que a Deputación da Coruña se une ás reivindicacións da FEMP, a FEGAMP e dos concellos da provincia, pedindo que se modifique a Lei de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira (LOEPSF), que obriga aos municipios a destinar o superávit das súas contas a reducir o nivel de endebedamento ou excepcionalmente, nalgúns casos puntuais que cumpran unha ampla serie de requisitos, a financiar investimentos financeiramente sostibles

González Formoso salientou que “na provincia da Coruña, o superávit das entidades locais ascende a máis de 200 millóns de euros” que poderían ser utilizados para aumentar as prestacións de servizos públicos e “contribuirían decisivamente á recuperación económica e á creación de emprego”.

Apoio ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal

O presidente da Deputación aproveitou a súa visita ao municipio para achegarse á sede do Grupo de Emerxencias Supramunicial (GES) de Mugardos, onde falou cos traballadores e interesouse pola súa visión das causas do incendio de Mandiá, que o pasado 22 de abril afectou a dez hectáreas de monte e calcinou por completo un camión motobomba e o material que contiña.

González Formoso e avogou por “esclarecer as circunstancias do sinistro e determinar como se levou a cabo o operativo para atender o incendio”, co obxectivo de que “un incidente similar non se volva producir”. Así mesmo, o presidente provincial lembrou que o sinistro se produciu durante un incendio forestal, que é competencia da Consellería de Medio Rural.

En calquera caso, González Formoso mostrouse aberto á reunión a tres bandas proposta pola alcaldesa de Mugardos, na que participarían a Xunta, o Concello e a Deputación, e a estudar posibles vías de colaboración para a compra de novo material necesario para que os GES podan desenvolver o seu traballo con normalidade.

Pilar Díaz salientou que se trata de dotacións “imprescindibles para a viabilidade do Grupo de Emerxencias, cuxa actuación se ve moi limitada ao carecer do material e os equipos perdidos durante o incendio” que, segundo a rexedora, tería un custo de ao redor de 50.000 euros. Asemade, a alcaldesa lembrou que a Xunta “xa se comprometeu a ceder un camión de características similares para poder dar servizo ao Concello”.

Ampliación da estrada de Pedreira a Maniños

O presidente da Deputación e a alcaldesa de Mugardos desprazáronse tamén ata a estrada DP 3504 de Pedreira a Maniños, acompañados polos técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial.

A Deputación comprometeuse a realizar un estudo do trazado co obxecto de de ampliar o vial ao seu paso polo núcleo de O Penedo, nas inmediacións da planta de regasificación do concello, que polo volume e a intensidade do tráfico que soporta, quedase pequeno para garantir a seguridade viaria. Os técnicos provinciais xa están a avaliar a posibilidade de ampliación nalgúns tramos da estrada.
Pola súa banda, a alcaldesa de Mugardos indicou que o Concello manterá reunións cos veciños para estudar a posibilidade da cesión dos terreos necesarios para a ampliación da plataforma da estrada.

4 de maio de 2017 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.