A Deputación de Ourense dedica á figura de Carlos Casares o nº 40 da revista Raigame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Deputación de Ourense presentou hoxe o nº 40 da revista de arte, cultura e tradición popular Raigame, que edita a institución provincial. Nesta ocasión, a publicación é un monográfico do escritor Carlos Casares, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, “un embaixador exemplar da nosa intelectualidade, que merece un traballo literario e de investigación desta calidade, como o que presenta Raigame neste número, unha publicación que valoramos editar en formato libro”, afirmou o presidente da Deputación, Manuel Baltar, no acto de presentación que tivo lugar hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, no que estivo acompañado por Xabier Casares, presidente da Fundación “Carlos Casares”, e por Xulio Fernández Senra, director da revista.

O presidente do goberno provincial remarcou “a proactividade de Carlos Casares, de quen temos que seguir reivindicando seu legado, que é presente e futuro das nosas letras”.

A publicación recolle en 166 páxinas artigos, traballos de análise e investigación, que achegan o perfil de Casares desde o punto de vista do cine, a arte, a literatura, a historia e a etnografía, “que abordan a figura poliédrica, entrañable e polifacética de Carlos Casares, para estudar a súa obra e as súas achegas como intelectual”, explicou Xulio Fernández Senra. Asemade, Xabier Casares agradeceu o apoio da Deputación de Ourense “para levar a cabo este proxecto editorial”, e tamén “a colaboración desinteresada de cantos fixeron posible cos seus artigos este monográfico de Raigame, coordinado por Gustavo Adolfo Garrido”.

Un total de 18 autores participan nesta edición da revista -da que se editaron 700 exemplares- entre os que figuran Alba Cid, Malores Villanueva, Carmen Mejía, María López Sández, Laura Piñeiro, Patricia Arias, Afonso Vázquez-Monxardín, Inma López Silva ou Luis González Tosar.

A publicación será distribuída entre bibliotecas, centros educativos, concellos museos e entidades de interese cultural.

4 de maio de 2017 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.